
Zona verde
Parque da Finca do Espiño
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico da especie dominante
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo
Nome común en castelán
Roble
Perímetro normal máximo/medio/mínimo
2,9/1,9/0,8 metros
Altura máxima/media/mínima
23/16/9 metros
Idades estimadas
70-110 anos
Historia
Unha carballeira é o ecosistema típico de zonas de solos frescos e profundos na maior parte de Galicia, xa que é constitúe a vexetación climatófila oligótrofa da Iberia Eurosiberiana. Aséntanse normalmente sobre chans ácidos evolucionados a partir de rochas de tipo esquistoso, cuarcítico ou gneístico.
O chan da carballeira componse de terra orgánica, composta por décadas de follas e musgo que xeran un humus moi rico en nutrintes e minerais, básico para a fertilidade da zona. É un espazo sensible e con moitas riquezas e valores para servir como refuxio e nicho a numerosas especies de fauna e flora.
Os caules e as pólas das árbores que forman esta carballeira son a base para outras formas de vida, como brións, fentos, liques ou herbáceas coma os couselos (Umbilicus rupestris) que medran sobre os carballos a varios metros do chan. O establecemento das diferentes especies de liques considérase como un bioindicador do grao de pureza atmosférica.
No chan da carballeira poderemos observar diferentes especies de cogumelos. Algúns deles, como a netorra (Russula virescens) medran asociadas ás raíces das árbores, mentres que outros reciclan os restos de plantas e axudan a enriquecer o solo da carballeira.
Tamén hai animais que viven asociados ás carballeiras, como o esquío (Sciurus vulgaris) ou o galo (Garrulus glandarius), que se alimentan das landras e dispérsanas, facendo posible que os carballos colonicen novos lugares. A vacaloura (Lucanus cervus) é un insecto con poboacións en regresión debido á destrución das carballeiras, xa que as larvas desta especie pasan varios anos do seu ciclo vital alimentándose de madeira morta de carballo e doutras árbores.
Descrición
Os espazos boscosos servían para proporcionar sombra, madeira e leña ás grandes residencias pacegas da época moderna. A Finca do Espiño tamén conta con este bosque, que neste caso trátase dunha carballeira. Está situada na parte máis alta da finca e de ese modo resgarda ao edificio principal doo vento.
Constitúe un espazo natural único, formado por comunidades vexetais maduras. Esta masa arborada crea o seu propio espazo dentro do parque, introducindo unha faceta boscosa e ruralista no conxunto, inserto na cidade histórica de Santiago. Unha muralla perimetral a separa a carballeira da súa contorna, sobre a que medra unha vizosa vexetación.
A carballeira está transitada por camiños de terra compactada. Esta solución para os paseos realizouse tendo en conta a protección do arborado, que se vería afectado co apisoado do terreo e a introdución de xabre. O material utilizado nestes sendeiros da carballeira é o propio terreo, separando os restos orgánicos en superficie para deixalos practicables e compactándoa sen realizar escavacións que afecten ás raíces das árbores.
Este espazo boscoso é o máis vulnerable e con máis importantes valores a conservar da Finca do Espiño ao servir como refuxio e fogar a un gran número de especies de flora e fauna (paxaros, anfibios...), non moi común nas cidades.
A fracción de cabida de cuberta das árbores é tan elevada que da lugar a un espazo moi sombrío ao longo da primavera, verán e parte do outono, sendo no inverno cando as árbores perden as follas cando máis luz penetra. Esta situación dificulta a rexeneración e a consecución dun sotobosque diverso.
O estrato herbáceo está case exclusivamente composto por hedra (Hedera helix), que coloniza tamén os troncos das árbores, onde medran tamén diferentes exemplares de fieitos, liques, fungos e brións. Puntualmente tamén podemos atopar fentos e bulbos de valor ambiental como Dryopteris e Aurum. O establecemento das diferentes especies de liques considérase como un bioindicador do grao de pureza atmosférica.
A carballeira está composta principalmente por máis de douscentos exemplares de diferentes idades de carballo do país (Quercus robur), algúns de máis de 100 anos de idade, polo que foron plantados na época de construción do palacete. Podemos apreciar facilmente a man humana na creación desta carballeira, na que os carballos están plantados seguindo a orografía en desnivel do chan, e ademais destaca a abundancia de exemplares que presentan o seu tronco dividido en dous fustes dende a base.
O sotobosque da carballeira está representado case exclusivamente por un centenar de pés de acivro (Ilex aquifolium) de diferentes alturas, que compoñen case exclusivamente o estrato arbustivo. Este feito é o máis sobresaínte desta carballeira, o que a distingue das demais da cidade. Ao ter estado illada tanto tempo permitiu desenvolver este estrato arbustivo que lle dá un valor paisaxístico único. Ademais presenta dez exemplares de piñeiro insigne dispersos en diversos grupos illados, algúns castiñeiros e carballos americanos.
A intervención realizada na rehabilitación do parque tratou de conservala o máis intacta posible, para que continúe sendo un reduto de biodiversidade. A estratexia de xestión forestal busca a apertura de ámbitos de luz, clareando zonas arbustivas, apeo de árbores con patoloxías e operacións de poda. O incremento da iluminación dará lugar ao aumento da biodiversidade ecolóxica.
Os camiños do seu interior son de terra, evitando escavar o seu chan para colocar xabre na pavimentación, e así poder pasear por ela sen agredila. A finca péchase de noite e apáganse as luces colocadas no chan dos sendeiros para que os seus habitantes podan seguir durmindo con tranquilidade.