mainimg
Código: SN001
-
Masas Arboradas
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Selva Negra

Parroquia

Vista Alegre

Identificación

Nome científico da especie dominante

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo

Nome común en castelán

Roble

Información

Historia

A formación arborada máis característica de Galicia é a carballeira. Os carballos teñen un grande interese para a conservación vexetal en Galicia, que ven dado pola biodiversidade e valor paisaxístico que posúen. Dende o século XX até a actualidade, especies alóctonas de rápido crecemento como eucaliptos, piñeiros e acacias, procedentes das plantacións forestais, están presentes na maioría dos nosos rodais de bosque, polo que provocan a diminución da superficie ocupada por carballeiras.

As especies forestais alóctonas son pirófitas, amigas do lume, e arden facilmente. Os incendios forestais provocan o comezo dunha particular espiral de degradación. Tras arder, as sementes das árbores pirófitas agroman de forma masiva medrando rapidamente, polo que impiden o crecemento da vexetación autóctona. Coa finalidade de frear este ciclo, implántanse proxectos de erradicación de especies invasoras e restauración das especies do bosque atlántico autóctono.

Descrición

A masa de antigos carballos é o elemento máis característico da Selva Negra, ocupando unha cuarta parte do espazo do parque. A súa plantación comezou no século XVII, cando o concello decidiu mellorar a contorna da hoxe desaparecida Fonte de Xián ou do Cardeal Espínola. Deste xeito, mandóuselle á veciñanza de Marrozos, Aríns e O Eixo plantar os carballos que están na orixe das carballeiras da Selva Negra. Esta iniciativa tamén se aplicou en outros lugares do municipio como na Carballeira de Santa Susana, onde tivo lugar a repoboación do seu arboredo con carballos, chopos e freixos, tamén plantados polos veciños de Marrozos, Aríns e O Eixo, ademais dos de Conxo.

A Carballeira da Fonte da Selva Negra foi utilizada como subministro de leña, madeira para construción, ou mesmo era o lugar de celebración de romarías. Na actualidade, conta con pés de carballo de grande tamaño, e que se renova grazas ao crecemento de exemplares novos. Existen tamén outras árbores frondosas (bidueiros, cerdeiras, capudres, érbedos, faias, castiñeiros ou nogueiras) e especies arbustivas (acivros, loureiros, sanguiños, pereiras ou estripeiros), conformando a carballeira, e ofrecendo as súas flores e froitos á fauna que habita a zona. O chan das carballeiras adultas adoita ser escuro. Certas planas gabeadoras, como os chuchameles (Lonicera periclimenum) ou as hedras (Hedera helix), soben polas árbores procurando a luz e o espazo para sobrevivir.

Na carballeira podemos atopar diversos exemplos de asociacións xa que, alén de competir entre eles, moitos seres vivos apóianse mutuamente para poder sobrevivir. É o caso dos cogomelos (Lactarius vellereus ou Russula virescens), que viven asociados ás raíces dos carballos. Esta asociación entre fungo e árbore chámase micorriza.

Os traballos acometidos no 2011, consistiron na retirada de eucaliptos e acacias, así como o tratamento das cepas para impedir o rebrote, a protección do solo para evitar a erosión mentres duraron as intervencións, o tratamento selectivo do mato para potenciar as especies xa implantadas, e posteriormente, a implantación de novas frondosas micorrizadas, co que se facilitou o crecemento dos exemplares plantados e tamén a futura presenza de cogomelos. Tamén se realizaron tratamentos silvícolas na carballeira para a mellora ambiental, o uso recreativo do espazo e a prevención de lumes por medio de rozas selectivas, podas e rareos.

As masas de carballos inciden no índice de humidade do espazo, a temperatura e a iluminación, que na época de verán vese claramente reducida a causa da sombra creada pola súa frondosidade. Forman un hábitat de gran importancia ecolóxica pola cantidade de especies asociadas ao mesmo. Aquí atopan acubillo e alimento algúns animais asociados ás carballeiras como a vacaloura (Lucanus cervus) ou o gaio (Garrulus glandarius). Son importantes zonas de refuxio, cría e alimentación para numerosos animais, dende pequenos paxaros como o ferreiriño real (Parus major), o cabalo rinchón ou peto verdeal (Picus viridis) ou o cardeal común (Pyrrhula pyrrhula), mamíferos como o xabarín e o corzo, ou cazadores nocturnos como a curuxa.

Numerosas especies de insectos moran nas follas, gromos, bugallos e landras, xa que o carballo comporta máis biodiversidade de insectos herbívoros que ningunha outra especie en Galicia, con máis de 400 especies. As árbores mortas e a madeira podre serven de acubillo e alimento a organismos como o Cerambyx cerdo, unha especie protexida de insecto cuxas larvas se alimentan da madeira morta de carballos adultos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)