
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Nome científico da especie dominante
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo
Nome común en castelán
Roble
Historia
Esta carballeira vincúlase á contorna do Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán. Os taninos presentes na casca dos carballos son parte importante do proceso de curtición, como demostra a presenza do antigo muíño de casca xunto ao xardín xeométrico, hoxe reconvertido en pequeno estanque ornamental.
O proceso de curtido duraba entre 12 e 18 meses, e comprendía as seguintes tarefas:
- Labores de ribeira: preparábase o coiro, aínda con pelo e refugallos, limpándoo con moita auga corrente e somerxéndoo nos pelamios con cal apagado para limpalo de restos.
- Caldeo e curtido: uso de pozos de auga acidulada con taninos da casca de carballo para completar o enchido da pel e a apertura dos seus poros.
- Remata: enxugado da pel en locais amplos e ben aireados e derradeiras tarefas de compactación.
O axente utilizado para curtir no proceso tradicional era o tanino de diversas árbores. En Cataluña usábase a aciñeira mentres que en Galicia o mais común era usar o carballo. Para curtir un quilo de pel precisábanse cinco de cascas, para o que recollíase a cortiza da árbore en marzo ou abril, antes da floración xa que é cando está aínda húmida. Cunha cuña de pau, sacábanse pezas longas e amoreábanse a secar até xullo ou agosto, que se vendía para moer. A casca de carballo triturábase nun muíño de casca, cunha mula en movemento circular a un eixo. A casca é un material voluminoso e difícil transporte, polo que era mellor canto mais preto estiveran os carballos do curtidoiro.
As fábricas de curtidos sufriron en Galicia durante a primeira metade do século XIX moitas acusacións de seren a causa da decadencia das carballeiras por mor de malas prácticas de descascado, chegando nalgúns intres as autoridades á prohibición ou limitación da recollida de cortiza de carballo.
Descrición
Na ladeira do río Sar, preto do Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán, no que hoxe se empraza o Local Sociocultural de Vidán, destaca o bosque de carballos (Quercus robur) onde se atopan exemplares de avanzada idade que medran xunto con outras especies exóticas ornamentais. Estes espazos boscosos servían para proporcionar sombra, madeira e leña ás grandes residencias pacegas da época moderna. Neste caso trátase de proporcionar ademais os taninos existentes na casca do carballo para aportar imputrescencia e impermeabilidade á pel animal na súa transformación en coiro, que tiña lugar no Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán.
Xunto cos paseos axardinados, as aliñacións de árbores alóctonas e a presenza de especies vexetais exóticas propias dos xardíns e zonas verdes, atopamos esta masa arborada formada por carballos que crea o seu propio espazo dentro do Parque de Brandía, introducindo unha faceta boscosa e ruralista no conxunto. A carballeira está composta principalmente por exemplares de diferentes idades de carballo do país (Quercus robur), algúns de máis de 100 anos de idade. É doado apreciar a man humana na creación desta carballeira.
A carballeira está transitada por camiños de terra compactada. Esta solución para os paseos realizouse tendo en conta a protección do arboredo, que se vería afectado co apisoado do terreo e a introdución doutro tipo de pavimentación. Isto é debido a que as carballeiras son espazos boscosos vulnerables e contan con importantes valores ambientais ao servir de refuxio e fogar a un gran número de especies de flora e fauna (paxaros, anfibios...), non moi común nas cidades.
A fracción de cabida de cuberta das árbores é tan elevada que dá lugar a un espazo moi sombrío ao longo da primavera, verán e parte do outono, sendo no inverno cando as árbores perden as follas e máis luz penetra. Esta situación dificulta o rexenerado e a consecución dun sotobosque diverso.
O estrato herbáceo está case exclusivamente composto por hedra (Hedera helix), que coloniza tamén os troncos das árbores, onde medran tamén diferentes exemplares de fieitos, liques, fungos, brións e bulbos de importante valor ambiental. O establecemento de liques considérase como un bioindicador do grao de pureza atmosférica. No chan da carballeira poderemos observar diferentes especies de cogomelos. Algúns deles, como a netorra (Russula virescens) medran asociadas ás raíces das árbores, mentres que outras reciclan os restos de plantas e axudan a enriquecer o solo da carballeira.
Tamén hai animais que viven asociados ás carballeiras, como o esquío (Sciurus vulgaris) ou o galo (Garrulus glandarius), que se alimentan das landras e as dispersan, facendo posible que os carballos colonicen novos lugares. A vacaloura (Lucanus cervus) é un insecto con poboacións en regresión debido á destrución das carballeiras, xa que as larvas desta especie pasan varios anos do seu ciclo vital alimentándose de madeira morta de carballo e doutras árbores.