
Zona verde
Parque José Zeca Afonso
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico da especie dominante
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo
Nome común en castelán
Roble
Perímetro normal máximo/medio/mínimo
3/2,6/2 metros
Altura máxima/media/mínima
19/16/12 metros
Idades estimadas
150-200 anos
Historia
Unha carballeira é un tipo de bosque onde a árbore máis abundante é o carballo (Quercus robur), aínda que soe estar acompañado por outras especies de árbores e arbustos. É o ecosistema típico de zonas de solos frescos e profundos na maior parte de Galicia, xa que constitúe a vexetación climatófila oligótrofa da Iberia Eurosiberiana.
As carballeiras aséntanse normalmente sobre chans ácidos evolucionados a partir de rochas de tipo xisto, cuarcítico ou gneístico. O chan da carballeira componse de terra orgánica, composta por décadas de follas e musgo que xeran un humus moi rico en nutrientes e minerais, básico para a fertilidade da zona. É un espazo sensible e con moitas riquezas e valores para servir como refuxio e nicho a numerosas especies de fauna e flora.
Na actualidade quedan poucos retallos de carballeiras en bo estado de conservación debido á extensa explotación á que o ser humano someteu a estes bosques. A súa localización en chans bos, transformables en prados de sega ou pasteiros, e a gran calidade da madeira do carballo, propiciaron a súa destrución xeneralizada.
As carballeiras tiñan unha gran importancia para o desenrolo da economía rural, xa que tradicionalmente foron unha importante fonte de recursos:
- A madeira das árbores servía para construción, carpintería e ebanistería. Un bo exemplo deste uso sería que, debido á súa extraordinaria resistencia á humidade, a madeira de carballo foi empregada na fabricación de barcos para a Armada Española, así como nas travesas das liñas do ferrocarril.
- Os restos de poda proporcionaban leña coa que cociñar nas lareiras, quentar as vivendas e facer carbón vexetal.
- Os froitos dos carballos, denominados landras, servirían para a alimentación das persoas e animais domésticos. Tamén se empregaba en forma de fariña para facer o pan de landras.
- As follas e o ramaxe servían de forraxe para os animais, ao igual que as landras, coas que se alimentaban aos porcos domésticos. Con esas tamén se facía a cama nas cortes, que logo serviría como esterco para as hortas.
- Os taninos presentes en toda a árbore, mais sobre todo na casca, teñen propiedades tintóreas, polo que se empregaban na curtición de coiros. Tamén tiñan utilidade na medicina tradicional, xa que se utilizaba a casca cocida para curar os catarros.
- As carballeiras serviron tradicionalmente como lugar para a celebración de feiras, mercados, romarías e todo tipo de actos públicos.
Descrición
Aquí estaba situado, no século XVIII, o antigo Pazo dos Condes de Turnes. Tradicionalmente, os terreos dos pazos galegos atopábanse divididos en tres espazos: zona de entrada ao pazo, zona de horta e zona de bosque. Nesta estrutura da vexetación pacega, o espazo de bosque consérvase na Carballeira de Zeca Afonso, que presenta exemplares de diferentes idades de carballo do país (Quercus robur), algúns deles de máis de cen anos de idade.
O Pazo dos Condes de Turnes sufriu modificacións no 1938 para acondicionalo como sanatorio psiquiátrico, coñecéndose desde entón como a Finca do Sanatorio de Lois. Esta finca vese afectada por sucesivas expropiacións a partires do 1959 con motivo da apertura da avenida de Xoán XXIII primeiro, e a construción da edificación residencial na contorna despois. Finalmente, a comezos deste século establécese a zonificación do ámbito para uso hoteleiro e parque urbano.