Código: MA025
-
Masas Arboradas
Localización

Parroquia

Vista Alegre

Identificación

Nome científico da especie dominante

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo

Nome común en castelán

Roble

Información

Descrición

A xeoloxía, o clima, o tipo de solo e a acción dos organismos vivos son os elementos que ao combinarse inciden na existencia dos diferentes tipos de vexetación dun territorio. Dende o punto de vista da súa vexetación, a localización xeográfica de Galicia emprázase dentro da provincia florística ou reino floral do holártico.

Santiago de Compostela sitúase na rexión corolóxica ou bioxenética Eurosiberiana, xunto co resto do territorio englobado nas subprovincias bioxeográficas dos litorais Cantábrico e Atlántico. Polo tanto, caracterízase pola presenza de bosques de folla caduca, a diferenza das zonas do interior de Galicia que corresponderían á rexión Mediterránea, nas que abundan os bosques de folla perenne. Esta flora de carácter oceánico, propia de toda a fachada litoral da Europa Atlántica, ten no carballo (Quercus robur) o símbolo e xenuíno representante deste medio.

A riqueza e abundancia de diversidade biolóxica presente en Galicia débese, por unha banda, á grande heteroxeneidade orográfica, litolóxica, edáfica e climática; e por outra, á influencia do home ao longo dos milenios dende o período Neolítico. A vexetación que hoxe podemos observar en Galicia é froito dun longo proceso de acomodación de especies, de desaparición dunhas e a introdución doutras, formando unha paisaxe natural na que a acción antrópica resulta de grande importancia.

O efecto desta acción humana na naturalidade dos hábitats e os ecosistemas ponse en evidencia se temos presente a vocación forestal de Galicia, na que as continuas talas, repoboacións, extensión de campos de cultivo e incendios provocaron que as formas de vexetación xenuínas de Galicia fosen retrocedendo, e actualmente o carballo ocupa o 26% da superficie arborada galega.

A vexetación arborada orixinaria estaba formada por bosques de frondosas caducifolias entre as que predominaba o carballo, acompañado de bidueiros, ameneiros e a landa atlántica, formada por uces, toxos e xestas. Mais esta paisaxe poboada por vexetación autóctona foise modificando e castiñeiros, piñeiros e eucaliptos foron substituíndo aos carballos.

Unha carballeira é a formación vexetal máis representativa da nosa comunidade, presente nas zonas de solos frescos e profundos na maior parte de Galicia. Consiste nun tipo de bosque onde a árbore máis abundante é o carballo, aínda que soe estar acompañado por outras especies de árbores e arbustos como salgueiro, bidueiro, acivro, abruñeiro, loureiro, abeleira e castiñeiro. O sotobosque ten xesta, toxo, hedra e fento.

As carballeiras aséntanse normalmente sobre solos ácidos, evolucionados a partir de rochas de tipo xisto, cuarcítico ou gneístico, e mostran menores esixencias en nutrientes que os faiais ou bosques mixtos de frondosas cos que a miúdo contactan. O chan da carballeira componse de terra orgánica, composta por décadas de follas e musgo, xerando un humus moi rico en nutrientes e minerais, básico para a fertilidade da zona.

A vexetación dunha carballeira está adaptada a unhas condicións climáticas cálidas e húmidas, xa que apenas teñen período de seca estival. Sen embargo, o carballo é unha especie algo máis heliófila que as outras caducifolias que forman o bosque mixto, polo que soporta unha deshidratación algo máis acentuada. A iso contribúen directamente as súas follas lixeiramente máis xeromorfas e mellor condutividade dos seus vasos e, indirectamente, a súa tolerancia ante os chans pouco aireados e mal drenados, onde dispón de auga sobreabundante.

Os carballos teñen un grande interese de conservación vexetal en Galicia. É un espazo sensible e con moitas riquezas e valores para servir como refuxio e nicho a numerosas especies de fauna e flora, xa que estas árbores controlan a humidade, temperatura e iluminación no interior da carballeira, creando condicións que permiten a presenza de animais, plantas e fungos.

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)