mainimg
Código: MA044
-
Masas Arboradas
Localización

Zona verde

Carballeira de San Lourenzo

Barrio

San Lourenzo-Campus Sur

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico da especie dominante

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo

Nome común en castelán

Roble

Biometría

Perímetro normal máximo/medio/mínimo

5,3/2,9/2,1 metros

Altura máxima/media/mínima

22/15/11 metros

Idades estimadas

120-170 anos

Información

Historia

Unha carballeira é un tipo de bosque onde a árbore máis abundante é o carballo (Quercus robur), aínda que soe estar acompañado por outras especies de árbores e arbustos. É o ecosistema típico de zonas de solos frescos e profundos na maior parte de Galicia, xa que constitúe a vexetación climatófila oligótrofa da Iberia Eurosiberiana.

As carballeiras aséntanse normalmente sobre chans ácidos evolucionados a partir de rochas de tipo xisto, cuarcítico ou gneístico. O chan da carballeira componse de terra orgánica, composta por décadas de follas e musgo que xeran un humus moi rico en nutrientes e minerais, básico para a fertilidade da zona. É un espazo sensible e con moitas riquezas e valores para servir como refuxio e nicho a numerosas especies de fauna e flora.

Na actualidade quedan poucos retallos de carballeiras en bo estado de conservación debido á extensa explotación á que o ser humano someteu a estes bosques. A súa localización en chans bos, transformables en prados de sega ou pasteiros, e a gran calidade da madeira do carballo, propiciaron a súa destrución xeneralizada.

As carballeiras tiñan unha gran importancia para o desenrolo da economía rural, xa que tradicionalmente foron unha importante fonte de recursos:

- A madeira das árbores servía para construción, carpintería e ebanistería. Un bo exemplo deste uso sería que, debido á súa extraordinaria resistencia á humidade, a madeira de carballo foi empregada na fabricación de barcos para a Armada Española, así como nas travesas das liñas do ferrocarril.

- Os restos de poda proporcionaban leña coa que cociñar nas lareiras, quentar as vivendas e facer carbón vexetal.

- Os froitos dos carballos, denominados landras, servirían para a alimentación das persoas e animais domésticos. Tamén se empregaba en forma de fariña para facer o pan de landras.

- As follas e o ramaxe servían de forraxe para os animais, ao igual que as landras, coas que se alimentaban aos porcos domésticos. Con esas tamén se facía a cama nas cortes, que logo serviría como esterco para as hortas.

- Os taninos presentes en toda a árbore, mais sobre todo na casca, teñen propiedades tintóreas, polo que se empregaban na curtición de coiros. Tamén tiñan utilidade na medicina tradicional, xa que se utilizaba a casca cocida para curar os catarros.

- As carballeiras serviron tradicionalmente como lugar para a celebración de feiras, mercados, romarías e todo tipo de actos públicos.

Descrición

Estes terreos situados ao sur da Porta Faxeira formaban unha gran fraga que pertencía, no século XV, aos Condes de Altamira. Estes deciden compartilos, polo que os reparten en dúas áreas destinadas a diferentes usos e receptores:

- Deron en doazón os terreos da parte alta da fraga ao pobo de Santiago o 9 de novembro do ano 1546, coa condición de que non pode ser pechado, nin aforado, nin arrendado pois o seu uso é de arboredo e pasto común para todos os cidadáns da cidade. Converteranse no que hoxe é o Parque da Alameda, no que se empraza a Carballeira de Santa Susana.

- Deixaron o usufruto da parte baixa da fraga, a de San Lourenzo de Trasouto, aos monxes franciscanos, que dispuxeron dela entre os séculos XIV e XIX. Os franciscanos xa contaban alí cunha pequena ermida, a de San Lourenzo, levantada en 1216 e ampliada a comezos do século XIII por encargo do bispo de Zamora Martín Arias. Despois da cesión dos Condes de Altamira, a orde de San Francisco ampliou o asentamento fundando alí un convento románico na última década do século XIV. Os monxes mantiveron este espazo até a desamortización levada a cabo por Mendizábal, que ocasionou a desaparición da comunidade franciscana de San Lourenzo en 1822.

Sendo o carballo a árbore máis típica de Galicia, vinculado en moitos casos á tradición mítica e lendas, as carballeiras foron sempre espazos de xuntanza, romaría, festa e celebración; espazos case sagrados, sombrizos e máxicos. Agachados entre as árbores hai unha fonte e dous cruceiros, cruces de pedra de gran tamaño que marcaban os camiños e que son un sinal de identidade de Galicia. Rosalía de Castro acudía a este bosque de vellos carballos, onde atopaba inspiración para os seus versos. No 1880 dedica un dos poemas de Follas Novas á Carballeira de San Lourenzo.

A Carballeira de San Lourenzo está incluída como formación arbórea monumental dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)