mainimg
Código: EG034
-
Masas Arboradas
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

Conxo

Identificación

Nome científico da especie dominante

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo

Nome común en castelán

Roble

Biometría

Perímetro normal máximo/medio/mínimo

3,7/1,7/1,2 metros

Altura máxima/media/mínima

23/17/11 metros

Información

Historia

Unha carballeira é un tipo de bosque onde a árbore máis abundante é o carballo (Quercus robur), aínda que soe estar acompañado por outras especies de árbores e arbustos. É o ecosistema típico de zonas de solos frescos e profundos na maior parte de Galicia, xa que constitúe a vexetación climatófila oligótrofa da Iberia Eurosiberiana.

As carballeiras aséntanse normalmente sobre chans ácidos evolucionados a partir de rochas de tipo xisto, cuarcítico ou gneístico. O chan da carballeira componse de terra orgánica, composta por décadas de follas e musgo que xeran un humus moi rico en nutrientes e minerais, básico para a fertilidade da zona. É un espazo sensible e con moitas riquezas e valores para servir como refuxio e nicho a numerosas especies de fauna e flora.

Na actualidade quedan poucos retallos de carballeiras en bo estado de conservación debido á extensa explotación á que o ser humano someteu a estes bosques. A súa localización en chans bos, transformables en prados de sega ou pasteiros, e a gran calidade da madeira do carballo, propiciaron a súa destrución xeneralizada.

As carballeiras tiñan unha gran importancia para o desenrolo da economía rural, xa que tradicionalmente foron unha importante fonte de recursos:

- A madeira das árbores servía para construción, carpintería e ebanistería. Un bo exemplo deste uso sería que, debido á súa extraordinaria resistencia á humidade, a madeira de carballo foi empregada na fabricación de barcos para a Armada Española, así como nas travesas das liñas do ferrocarril.

- Os restos de poda proporcionaban leña coa que cociñar nas lareiras, quentar as vivendas e facer carbón vexetal.

- Os froitos dos carballos, denominados landras, servirían para a alimentación das persoas e animais domésticos. Tamén se empregaba en forma de fariña para facer o pan de landras.

- As follas e o ramaxe servían de forraxe para os animais, ao igual que as landras, coas que se alimentaban aos porcos domésticos. Con esas tamén se facía a cama nas cortes, que logo serviría como esterco para as hortas.

- Os taninos presentes en toda a árbore, mais sobre todo na casca, teñen propiedades tintóreas, polo que se empregaban na curtición de coiros. Tamén tiñan utilidade na medicina tradicional, xa que se utilizaba a casca cocida para curar os catarros.

- As carballeiras serviron tradicionalmente como lugar para a celebración de feiras, mercados, romarías e todo tipo de actos públicos.

Descrición

Ás beiras do río Sar mantense a carballeira existente nestes terreos do barrio do Paxonal, tamén coñecido como Pontepedriña, nos que estaba situada a Finca de José María, xunto á finca de Iglesias Corral ou da Concepción, onde actualmente está se empraza un hipermercado.

Este bosque de carballos do Paxonal medraba preto da zona de hortas da finca, xa que ao igual que os produtos hortícolas servían para fornecer a despensa da casa, a carballeira era unha importante fonte de recursos, posto que proporcionaba madeira para a construción e carpintería, leña para as cociñas e calefacción, así como forraxe coa que alimentar ao gando.

Nas tarefas de rehabilitación deste espazo como parque público, tratouse de conservar a atmosfera de natureza silvestre que posúe a carballeira. De feito, a pesar de estar realmente preto de lugares tan concorridos como a Estación de Ferrocarril, a avenida de Lugo, o Ensanche ou o Hospital Provincial de Conxo, esta zona do Parque Eugenio Granell mantén a calma e o silencio propios das carballeiras dos bosques atlánticos agochadas nas zonas máis rurais do noso territorio.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)