mainimg
Código: AS001
-
Arboredo Singular
Localización

Barrio

San Caetano-Vite

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Quercus rubra L.

Nome común en galego

Carballo americano

Nome común en castelán

Roble rojo

Biometría

Perímetro normal

2,10 metros

Altura

15 metros

Diámetro de copa

18 metros

Idade estimada

60 anos

Información

Características

Nas beiras da rúa de García Lorca medran numerosas especies vexetais, entre as que destaca polo seu tamaño este exemplar de carballo americano. O grosor do seu tronco e a súa altura son mostras da súa idade, moito máis avanzada que as outras especies que a acompañan. Ten o tronco moi ramificado desde a súa parte baixa, cunha copa moi desenvolvida.

Orixe e distribución

Orixinario do leste de América do Norte. Dende Nova Escocia, na rexión dos Grandes Lagos, até Florida; e dende de Minnesota até Texas. O xénero Quercus é máis rico en especies en América do Norte e Asia oriental que en Europa, xa que durante o avance dos xeos nas últimas glaciacións, as plantas europeas retiráronse cara a rexións meridionais, topando cos Alpes que actuaron como un filtro. Sen embargo, en Asia e América, as plantas sensibles ao frío puideron avanzar cara o sur permanecendo até os nosos días.

O carballo americano foi amplamente introducido en Europa mediante plantacións forestais a comezos do século XVIII, cara o 1725. Dende hai xa bastante tempo é frecuente tamén nos parques e xardíns europeos como árbore ornamental. Nalgunhas zonas do norte peninsular, con solos libres de cal, chegou a naturalizarse.

Descrición

Árbore caducifolia de gran porte. Pode alcanzar os 45 metros de altura, cun crecemento rápido. Vive arredor de 200 anos, mais excepcionalmente pode alcanzar os 500 anos. Ten follas simples, alternas, de cor verde intensa pola face e máis pálidas pola cara inferior. Teñen as marxes profundamente lobuladas, con entre 3 e 5 pares de lóbulos desiguais moi aguzados e lixeiramente dentados.

As flores masculinas forman amentos colgantes, mentres que as flores femininas poden estar en solitario ou en acios, que aparecen a comezos da primavera nos exemplares maiores de 20 anos. Estas flores no outono dan lugar ás landras, unhas noces formadas por unha soa semente cunha cúpula que cubre o cuarto inferior do froito. Miden uns 3 centímetros e tardan dous anos en madurar, sendo pequenas e parcialmente formadas no primeiro ano.

Etimoloxía

Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. O epíteto rubra fai referencia á coloración vermella outonal típica das follas antes de caer. A denominación común de carballo americano alude á súa orixe xeográfica.

Usos

A coloración outonal vermella nas follas dos exemplares novos fai que esta especie sexa moi empregada en xardinería. Sen embargo esta característica vai desaparecendo coa idade, xa que as árbores vellas adquiren tons pardos e amarelos de forma irregular. Aínda que frecuente en parques e xardíns, non tolera a sombra e necesita amplo espazo para medrar, o que condiciona o seu uso como árbore urbana en beirarrúa.

As landras serven de alimento para cervos, osos, esquíos, pequenos roedores e insectos. O carballo americano é unha das árbores madeireiras máis importantes de América do Norte, posto que se utiliza en construción, carpintería e ebanistería, por ser esta de excelente calidade, dura e resistente. Con ela fabrícanse parqués, mobles ou bocois para avellentar o viño, sendo moi apreciada polo aroma que lle aporta.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)