
Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo ou alvariño
Nome común en castelán
Roble común, roble carballo o roble fresnal
Características
Unha pequena agrupación de carballos está situada preto da escultura de Silveiro Rivas, Proa a Enciño. Durante os meses cálidos, cando as árbores caducifolias como o carballo americano están en todo o seu verdor, forman unha zona de sombra onde é habitual atopar moitos paxaros. No outono poderemos atopar moitas landras no chan, mentres que nos meses de inverno tiran as súas follas para mostrar o seu tronco espido.
Orixe e distribución
Orixinario de Europa, na Península Ibérica habita nas zonas húmidas do Norte. Medra en terreos frescos por debaixo dos 1.000 metros de altitude. Ao lugar poboado de carballos chámase carballeira, carballal ou touza.
Descrición
A súa enorme copa, as pólas retortas, os ocos no tronco e a súa longa vida fan desta árbore o fogar perfecto para unha grande variedade de insectos, aves, fungos e liques, tanto nos bosques naturais como nos parques e xardíns. As súas landras son fundamentais para que algúns insectos completen o seu ciclo vital, como as vacalouras (Lucanus cervus), e constitúen unha importante fonte de alimento para os esquíos (Sciurus vulgaris), as trilladeiras (Microtus arvalis) ou os tordos (Turdus sp.).
As follas, que miden até 18 centímetros, teñen o envés máis claro que a face, con característicos lóbulos redondeados. Na base presentan unha parella oposta de lóbulos moi pequenos, dos que carecen o resto de carballos ibéricos. As flores, tanto as masculinas como as femininas, agrúpanse en amentos colgantes.
A súa altura é moi variable dependendo do lugar onde medren, hai exemplares baixos e outros moi altos, podendo pasar dos 40 metros. Pode chegar a vivir por riba dos 1.000 anos. En Galicia atopamos carballos de máis de 500 anos na provincia de Ourense.
Etimoloxía
Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. Robur tamén provén do latín, facendo referencia á cor vermella. De robur tamén deriva o adxectivo robusto, pola proverbial fortaleza e vigor do carballo.
Usos
O carballo simboliza a dureza, a resistencia e a nobreza. Na cultura celta, todo o que proviña do carballo era sagrado, incluso o visgo que crecía entre as súas pólas, que os druídas cortaban coidadosamente con fouces de ouro nos seus rituais. Na actualidade, os carballos seguen a ser unhas árbores moi importantes na nosa cultura, e proba diso está en que é a especie que máis aparece no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Moitos carballos foron cortados a partir do século XVI para a construción de navíos cos que prover á Armada Española, que naquel tempo contaba con 300.000 toneladas de madeira en forma de barcos, e que Lope de Vega describiu como a selva do mar. Para construír un destes navíos era preciso talar uns 2.000 carballos. Tamén se cortaron moitos carballos para a realización das travesas nas vías férreas durante o reinado de Isabel II, construídos grazas aos fondos conseguidos coa desamortización de Mendizábal.