
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Quercus nigra L.
Nome común en galego
Carballo da auga
Nome común en castelán
Roble acuático o roble negro
Características
Non é frecuente atopar esta especie nos parques e xardíns galegos, e no caso dos composteláns, estas dúas árbores son as únicas que podemos atopar en toda a cidade. Sitúanse ao carón do camiño que conduce cara os labirintos de camelias dende a rúa do Olvido e a Praza de Marcial Villamor Varela. O contrapunto a estas árbores atópase ao outro lado do camiño, onde podemos contemplar outra parella de árbores, neste caso alfaneiros xaponeses (Ligustrum lucidum).
Orixe e distribución
Orixinaria do surleste de Estados Unidos, dende Delaware e Maryland até Texas pola costa, e no interior esténdese a través do curso do río Mississippi e chega até Missouri e Oklahoma. O carballo da auga é unha das especies nativas máis abundantes nesta área.
Crece dende as terras baixas ao nivel do mar até os 450 metros de altitude, en praderías, terras baixas e ás beiras dos ríos. Está adaptado ás zonas húmidas, de ribeira e pantanosas, mais tamén pode tolerar solos ben drenados.
Introdúcese o seu cultivo en Europa no ano 1723.
Descrición
Árbore caducifolia, monoica, que pode alcanzar os 25 metros de altura. Ten unha vida curta en comparación con outros carballos, xa que só chega aos 80 anos. Ten a copa redondeada e estendida, con abondosa ramallada. A cortiza é lisa e de cor castaño claro, tornándose fisurada e escura co paso dos anos.
Follas caducas, alternas alongadas e de forma variable, pois van dende as enteiras até as que teñen lóbulos apicais pouco profundos e terminados en aresta curta. Chegan até os 13 centímetros de longo e, en xeral, son máis anchas na metade superior, estreitándose gradualmente cara a base.
As flores masculinas aparecen dispostas sobre a árbore en amentos colgantes de cor vermella, mentres que as femininas son solitarias e axilares. O froito é unha landra, igual que no resto dos carballos, mais nesta especie caracterízanse por ser solitarias, ovoides ou globosas, de cor negra e cunha cúpula que cobre máis da metade do froito. Maduran ao segundo ano, 18 meses despois da polinización, e serven de alimento a diversos insectos, esquíos (Sciurus vulgaris) ou gaios (Garrulus glandarius).
Etimoloxía
A especie foi descrita por Carlos Linneo e publicado en Species Plantarum en 1753. Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. Outros autores pensan que deriva do celta quer cuez, que significa árbore elegante.
Nigra é o epíteto latino que significa negro, en posible alusión á súa cortiza escura ou á cor das súas landras.
Usos
Especie de reforestación en bosques de madeira dura, xunto a plantacións de piñeiros. Non soe empregarse como ornamental debido á curta duración da súa vida e a súa propensión ás enfermidades, aínda que no seu lugar de orixe pode aparecer en aliñacións de rúas ou como árbore de sombra, principalmente en poboacións sureñas.
Madeira pesada, forte e dura, co gran denso e de cor castaño claro. Despois do descubrimento de América, durante o século XVI e XVII, estas árbores comezaron a desaparecer xa que os exemplares máis grandes foron usados para a construción e como combustible. A súa destrución continuou na Guerra Civil, e no XIX todos os bosques dominados por grandes carballos da auga desapareceran.
Na actualidade, estanse a recuperar estes bosques na zona do Mississippi, mais moitas destas árbores non resitiron o huracán Katrina polo que estanse a plantar a partir das landras nos xardíns das casas da zona para que as seguintes xeracións podan gozar delas no futuro.