
Zona verde
Río Sar: treito Ponte Suarribas-Ponte da Fervenza
Parroquia
Conxo
Nome científico
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo ou alvariño
Nome común en castelán
Roble común, roble carballo o roble fresnal
Perímetro normal
3,75 metros
Altura
26 metros
Diámetro de copa
392 m2
Idade estimada
250 anos
Historia
Este impoñente carballo, con máis de 250 anos de vida, é a árbore máis veterana do histórico Bosque do Banquete de Conxo . Álzase ao pé dunha das sendas deste novo espazo natural situado ao sur de Santiago de Compostela. Dicimos novo porque se abriu ao público no ano 2018 despois de estar pechado nada menos que durante 133 anos, en concreto desde 1885 (data na que esta enorme finca de máis de 20 hectáreas, bañada polo río Sar, se destinou a espazo só para internos do daquela modernísimo Manicomio de Conxo ).
Estamos entón ante o símbolo, un verdadeiro cofre botánico, de resistencia ás cortas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX, e que foron decimando espazos coma este, un bosque que en orixe chegou a albergar até 1.000 carballos. Hoxe quedan en pé uns 40, con este carballo como emblema.
Foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do insólito e histórico Banquete Democrático de Conxo, celebrado nas súas inmediacións, un acto organizado por estudantes universitarios (principalmente o poeta romántico Aurelio Aguirre) onde os mozos quixeron servir a mesa aos artesáns e obreiros, como un novo símbolo de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa. Aurelio Aguirre comezou o seu brinde dicindo: Sol da liberdade! O teu lume dáme.
Este bosque fascinou a Rosalía de Castro. A gran poeta das literaturas galega e castelá denunciaría desde 1881 a corta incontrolada de moitos destes carballos. Fíxoo nun poema titulado precisamente así, Los robles, do seu libro En las orillas del Sar (1884). Chegou a exclamar nos seus versos: Jamás lo olvidaré, Profanación sin nombre, e a súa última novela El primer loco (1881), está ambientada toda ela precisamente aquí. O seu texto de denuncia é hoxe unha das primeiras proclamas ecoloxistas e de defensa das árbores.
A nosa árbore está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinaxe. A 200 metros da coñecida como a Fonte da Virxe da Concha (importante lugar de culto xa citado por Tirso de Molina no século XVII) e a 300 metros do Mosteiro de Conxo (que conserva un claustro románico do século XII).
Ao redor desta árbore, en todo este Bosque do Banquete de Conxo , reuníronse en 2019 até 5.000 persoas na segunda edición dunha multitudinaria romaría que celebraba a apertura deste espazo natural despois de máis dun século. Diante da árbore levouse a cabo aquela romaría (e tamén na súa primeira edición o ano anterior de 2018 , que reuniu 2.500 persoas), a primeira parada da ruta, ante o que hoxe xa se coñece como O Avó, do bosque.
E finalmente, o carballo (Quercus robur), definido tamén por Rosalía no citado poemario como a árbore patria, é a árbore símbolo de Galicia e da súa natureza de bosques sen fin.
Características
O Carballo do Banquete de Conxo é un carballo centenario, declarada árbore do ano de España no 2022 e segunda clasificada no certame da Árbore Europea.
Orixe e distribución
Orixinario de Europa, na Península Ibérica habita nas zonas húmidas do Norte. Medra en terreos frescos por debaixo dos 1.000 metros de altitude. Ao lugar poboado de carballos chámase carballeira, carballal ou touza.
Descrición
A súa enorme copa, as pólas retortas, os ocos no tronco e a súa longa vida fan desta árbore o fogar perfecto para unha grande variedade de insectos, aves, fungos e liques, tanto nos bosques naturais como nos parques e xardíns. As súas landras son fundamentais para que algúns insectos completen o seu ciclo vital, como as vacalouras (Lucanus cervus), e constitúen unha importante fonte de alimento para os esquíos (Sciurus vulgaris), as trilladeiras (Microtus arvalis) ou os tordos (Turdus sp.).
As follas, que miden até 18 centímetros, teñen o envés máis claro que a face, con característicos lóbulos redondeados. Na base presentan unha parella oposta de lóbulos moi pequenos, dos que carecen o resto de carballos ibéricos. As flores, tanto as masculinas como as femininas, agrúpanse en amentos colgantes.
A súa altura é moi variable dependendo do lugar onde medren, hai exemplares baixos e outros moi altos, podendo pasar dos 40 metros. Pode chegar a vivir por riba dos 1.000 anos. En Galicia atopamos carballos de máis de 500 anos na provincia de Ourense.
Etimoloxía
Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. Robur tamén provén do latín, facendo referencia á cor vermella. De robur tamén deriva o adxectivo robusto, pola proverbial fortaleza e vigor do carballo.
Usos
O carballo simboliza a dureza, a resistencia e a nobreza. Na cultura celta, todo o que proviña do carballo era sagrado, incluso o visgo que crecía entre as súas pólas, que os druídas cortaban coidadosamente con fouces de ouro nos seus rituais. Na actualidade, os carballos seguen a ser unhas árbores moi importantes na nosa cultura, e proba diso está en que é a especie que máis aparece no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Moitos carballos foron cortados a partir do século XVI para a construción de navíos cos que prover á Armada Española, que naquel tempo contaba con 300.000 toneladas de madeira en forma de barcos, e que Lope de Vega describiu como a selva do mar. Para construír un destes navíos era preciso talar uns 2.000 carballos. Tamén se cortaron moitos carballos para a realización das travesas nas vías férreas durante o reinado de Isabel II, construídos grazas aos fondos conseguidos coa desamortización de Mendizábal.