mainimg
Código: LP020
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo ou alvariño

Nome común en castelán

Roble común, roble carballo o roble fresnal

Información

Características

Os carballos que ocupan o noiro nesta zona do Parque Luis Pasín foron plantadas con motivo da celebración do Día da Árbore no ano 2017, con axuda do alumnado do veciño centro educativo de educación infantil e primaria Quiroga Palacios. Outras especies que foron plantadas nesta data foron abeleiras, loureiros, acivros e cerquiños.

Orixe e distribución

Orixinario de Europa, na Península Ibérica habita nas zonas húmidas do Norte. Medra en terreos frescos por debaixo dos 1.000 metros de altitude. Ao lugar poboado de carballos chámase carballeira, carballal ou touza.

Descrición

A súa enorme copa, as pólas retortas, os ocos no tronco e a súa longa vida fan desta árbore o fogar perfecto para unha grande variedade de insectos, aves, fungos e liques, tanto nos bosques naturais como nos parques e xardíns. As súas landras son fundamentais para que algúns insectos completen o seu ciclo vital, como as vacalouras (Lucanus cervus), e constitúen unha importante fonte de alimento para os esquíos (Sciurus vulgaris), as trilladeiras (Microtus arvalis) ou os tordos (Turdus sp.).

As follas, que miden até 18 centímetros, teñen o envés máis claro que a face, con característicos lóbulos redondeados. Na base presentan unha parella oposta de lóbulos moi pequenos, dos que carecen o resto de carballos ibéricos. As flores, tanto as masculinas como as femininas, agrúpanse en amentos colgantes.

A súa altura é moi variable dependendo do lugar onde medren, hai exemplares baixos e outros moi altos, podendo pasar dos 40 metros. Pode chegar a vivir por riba dos 1.000 anos. En Galicia atopamos carballos de máis de 500 anos na provincia de Ourense.

Etimoloxía

Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. Robur tamén provén do latín, facendo referencia á cor vermella. De robur tamén deriva o adxectivo robusto, pola proverbial fortaleza e vigor do carballo.

Usos

O carballo simboliza a dureza, a resistencia e a nobreza. Na cultura celta, todo o que proviña do carballo era sagrado, incluso o visgo que crecía entre as súas pólas, que os druídas cortaban coidadosamente con fouces de ouro nos seus rituais. Na actualidade, os carballos seguen a ser unhas árbores moi importantes na nosa cultura, e proba diso está en que é a especie que máis aparece no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Moitos carballos foron cortados a partir do século XVI para a construción de navíos cos que prover á Armada Española, que naquel tempo contaba con 300.000 toneladas de madeira en forma de barcos, e que Lope de Vega describiu como a selva do mar. Para construír un destes navíos era preciso talar uns 2.000 carballos. Tamén se cortaron moitos carballos para a realización das travesas nas vías férreas durante o reinado de Isabel II, construídos grazas aos fondos conseguidos coa desamortización de Mendizábal.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)