Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Espazo veciñal
Cronoloxía
1873
Autor
Antonio Pena Rey
Historia
A antiga estación de Cornes acolle na actualidade a Casa das Asociacións os colectivos asociados e veciños achéganse para coñecelo, estudar ou traballar, informarse, aprender ou divertirse. A consolidación deste espazo común de encontro e relación é unha aposta municipal co compromiso pola participación. A valoración da súa fermosa fachada, o recordo da historia do edificio, presente na memoria colectiva que rememora a primeira liña de ferrocarril de Galicia, e o uso común das súas instalacións, axuda a identificala como un territorio propio nunha cidade en que se constrúe o presente e se deseña o porvir coa participación de todos.
Dispón de diferentes espazos para compartir: fondo biblio-vídeo-gráfico, zona de estudo, lectura e prensa, zona wi-fi, salas de reunións, salóns multiusos e armarios para as asociacións sen local.
Descrición
O 15 de setembro de 1873 inaugurouse o primeiro ferrocarril de Galicia, entre Cornes (Conxo) e Carril, poñendo fin así ao histórico retraso para a súa construción. Coñecido como o Ferrocarril Compostelano da la Infanta Isabel, percorría unha distancia de case 42 quilómetros, pasando por seis estacións intermedias construídas en madeira (Casal, Osebe, A Escravitude, Padrón, Pontecesures e Catoira).
O día que se inaugurou, os pobos de Carril e Cornes (Conxo), saíron en masa cara as súas estacións. Este tren inaugural partía de Cornes e alí, na estación, reuníronse autoridades eclesiásticas, civís, militares, xudiciais e os máximos responsables deste ferrocarril que, a iso das once da mañá, asistiron á bendición das catro locomotoras que ían cubrir este servizo e que foran bautizadas cos nomes de Santiago, Carril, Pontevedra e Coruña, mentres soaban os compases das Bandas de Música de Artillería e a da cidade de Santiago, tocando a Marcha Real. Partiu o tren da estación de Cornes ás 12:04 do mediodía, e chegou a Carril ás 14:20 h da tarde.