mainimg
Código: VA038
-
Sociocultural
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Residencia universitaria

Cronoloxía

1903

Historia

Na zona de Galeras podemos encontrar dúas destas vilas da burguesía compostelá, que seguen os parámetros dos grandes espazos residenciais como as casas dos emigrantes retornados. Estas dúas grandes vivendas do entorno de Galeras son a Finca Simeón e a Finca do Espiño, construída tamén a principios do século XX para o senador Ramón Gutiérrez de la Peña.

A Casa Europa pertencía á familia de Simeón García Olalla de la Riva (1823-1883) quen fundou unha saga familiar enriquecida coa comercialización de téxtiles ao por maior en Galicia, mais cuxas actividades tamén abarcaron a actividade bancaria, financeira e inmobiliaria. O seu centro de operacións estaba dende 1872 na rúa das Casas Reais, no edificio deseñado por Jesús López de Rego no que hoxe sitúase o Arquivo Histórico Universitario da USC.

O estilo da vivenda combina o gusto afrancesado co das residencias coloniais ou casas indianas. Estas son as vivendas dos emigrantes americanos retornados ao seu lugar de orixe. Soen ser edificios datados entre a segunda metade do século XIX e principios do XX. Estas casas poden ser rurais (as vilas de campo) ou urbanas, situadas dentro do casco urbano da cidade, como sucede neste caso. Adoitan ser de grandes dimensións e estar feitas de pedra e materiais nobres, polo que destacan entre o resto dos edificios entre os que se atopan.

A abundancia destas vivendas ao longo de toda a Cornixa Cantábrica fixo que a sociedade da época as relacionasen co alto nivel adquisitivo dos seus propietarios, aínda que non sempre co bo gusto debido á ostentación de opulencia que moitas veces presentan. As familias adiñeiradas comezaron a construír tamén este tipo de residencias, grandes vilas con terreo dividido nas típicas tres zonas que caracterizaban os pazos señoriais: xardín, horta e bosque.

Descrición

Edificio de estilo colonial que foi erixido coma residencia dos Simeón, unha familia de banqueiros da burguesía compostelá, no ano 1903. Esta data aparece na parte superior da fachada principal do edificio, deixando constancia do ano da súa construción.

A xoia desta casa é unha ampla galería orientada ao sur que recolle o sol da tarde. No andar inferior ten os espazos destinados á relación social, como o salón principal ou o comedor, abertas ao xardín da contorna por medio dunha balconada sobre a escaleira dun lado e unha galería acristalada no outro. Tamén hai engadida unha pequena capela na fachada norte con acceso directo dende o interior, onde se pode atopar un excelente retablo barroco, magnificamente conservado.

O estilo deste edificio estaría dentro do eclecticismo, que combina o gusto polo exótico traído polos emigrantes retornados das Américas e a estampa afrancesada inspirada nos palacetes do II Imperio, que dan ás construcións un aire pintoresco dentro duns xardíns cada vez máis coidados.

O lateral da casa está cuberto de viña virxe (Partenocissus tricuspidata) que lle aporta un aire de pictórica ruralidade e unha beleza efémera, coa fermosa variación estacional dos colores das follas, que se presentan dun rechamante verde intenso nos meses cálidos para mudar cara o vermello intenso no comezo do outono.

A rehabilitación do edificio tivo lugar entre xaneiro de 1999 a novembro de 2000, seguindo o proxecto realizado por César Portela e Arate Isozaki en 1998. O promotor desta obra de rehabilitación foi o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, aínda que a residencia está xestionada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os criterios adoptados para a urbanización deste espazo foron os seguintes:

- Respectar os valores de todo tipo que posúe o espazo: históricos, topolóxicos, urbanísticos, arquitectónicos, construtivos, botánicos, paisaxísticos e ambientais típicos que contén o conxunto.

- Recuperar e restaurar os valores existentes en épocas pasadas e que no momento en que se decidiu acometer a rehabilitación atópanse danados ou desaparecidos.

- Introducir novos valores, compatibles cos anteriores, como consecuencia das novas actuacións que os novos usos demandaban.

No ano 1999 iniciáronse as obras de restauración baixo a dirección do arquitecto César Portela e Arate Isozaki, para adaptar a vivenda como unha residencia universitaria destinada ao aloxamento de profesores convidados pola Universidade de Santiago de Compostela procedentes doutras universidades do mundo, que acudan a Santiago para participar en actividades docentes e investigadoras. Para estimular esta colaboración internacional, no edificio dispóñense seis cuartos de uso dobre ou individual para o uso dos convidados, permitindo así dispor do mellor ambiente intelectual para a realización das actividades previstas para eles.

A obra estaba relacionada co quinto centenario da USC en 1995 e coa promoción, en 1994, da creación do Grupo Compostela, unha ampla rede universitaria europea, con máis de setenta universidades pertencentes a vinte países europeos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)