Zona verde
Praza da Constitución
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Aesculus hippocastanum L.
Nome común en galego
Castiñeiro das Indias ou castiñeiro das bruxas
Nome común en castelán
Castaño de Indias, falso castaño o castaño loco
Características
Podemos atopar este exemplar na zona do miradoiro, onde destaca pola súa copa moi desenvolvida e a súa produción outonal de castañas da envexa.
Orixe e distribución
Orixinario da Península Balcánica do leste de Bulgaria, aclimátase ben nas rexións de clima temperado, polo que foi introducido con éxito no resto de Europa xa en 1615 como árbore urbana. Prefire solos frescos e fértiles, mais tolera ben todos os tipos.
Descrición
Árbore de grandes follas caedizas, palmeadas e compostas por 5 ou 7 folículos de borde dentado. As súas fermosas flores son hermafroditas, agrupadas en inflorescencias piramidais, que dan lugar a un froito espiñado no que medran unhas sementes grandes, de sabor amargo, coñecidas co nome de castañas da envexa.
Ten un porte maxestoso, xa que pode chegar a alcanzar os 20 metros de altura e expandirse case en igual medida ao ancho. Ten o madeiro groso de cortiza gris, lisa cando a árbore é nova, mais que se vai agretando ao avellentar.
Etimoloxía
Aesculus é o nome latino da aciñeira, e hippocastanum significa castaña para cabalos, xa que hai 3.500 anos os hititas empregaban estes froitos como alimento para as súas monturas, que preñan e aliviaban a inflamación que producía nas patas o esforzo do galope.
O seu nome común provén de que o seu froito é moi parecido aos do castiñeiro e outras especies do xénero Castanea. Ademais, críase que procedía da India, aínda que hoxe en día coñécese mellor a súa orixe europea.
Usos
O seu estendido uso nas cidades débese a súa gran capacidade de xerar sombra e ao seu valor ornamental, pois teñen unha floración espectacular. Contan cun crecemento rápido e gran resistencia ante pragas e enfermidades, polo que se utiliza como árbore de parques e aliñacións urbanas.
Durante a Segunda Guerra Mundial, as castañas da envexa foron moídas e preparadas como substituto do café, mais non é moi recomendable comelas xa que son moi amargas. Ten múltiples usos medicinais, pois a aescina e a aesculinna que conteñen son un remedio contra enfermidades vasculares. Ademais, os froitos empréganse como amuleto contra o mal de ollo.