mainimg
Código: CA006
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Carlomagno

Barrio

Fontiñas

Parroquia

San Lázaro

Identificación

Nome científico

Castanea sativa Mill.

Nome común en galego

Castiñeiro, castañeiro ou castiro

Nome común en castelán

Castaño

Información

Características

Non abundan os castiñeiros no Parque Carlomagno, mais podemos atopar este xunto aos lamigueiros (Populus nigra) do paseo superior, preto das casas da rúa da Canteira de Abaixo.

Orixe e distribución

Procede da zona dos Balcáns, Asia Menor e o Cáucaso, aínda que hai teorías contraditorias sobre a súa área orixinal, xa que dende tempos antigos acadou unha notable expansión como planta de cultivo. Foron xa os gregos e despois os romanos na Idade Antiga os que difundiron o seu cultivo cara Poñente.

En Galicia, a presenza desta especie foi pouco frecuente até a época de Augusto (século I d.C.), aínda que hai que esperar até os séculos XIV e XVI para que as referencias ao seu papel na economía doméstica dos nosos antepasados sexan frecuentes, a pesares de que en ningún momento chegou a cobrar a importancia que alcanzou noutras rexións de Europa.

Descrición

Trátase dunha planta lonxeva, capaz de vivir até 1.500 anos e pode chegar aos 35 metros de altura. É unha especie caducifolia, con follas simples, lanceoladas, coa marxe serrada. As flores son pequenas, unisexuais, agrupadas en amentos colgantes. As masculinas son amarelas e numerosas, as femininas de cor verdeal e en número moito máis reducido e formando grupos de tres. Os froitos son uns aquenios chamados castañas pechados en cúpulas coñecidas como ourizos.

Etimoloxía

Castanea pode ter raíces indoeuropeas na palabra kas, picar, polos ourizos. Outros investigadores adxudícanlle un parentesco co vocábulo grego kastanaikon karyon, noz castaniense, nome que lle dan á castaña cultivada en Grecia. Kastana é a cidade grega de onde se cree que chegou este froito no século V a.C. procedente do Cáucaso para espallarse polo Imperio Romano.

Usos

O castiñeiro é unha frondosa cunha longa tradición de domesticación debido aos seus froitos, que xogaron un destacado papel na alimentación de amplas zonas do planeta. Os romanos denominábana arbor panis (a árbore do pan) por ser básico na alimentación, e ademais utilizaban estacas de madeira de castiñeiro para as vides.

Cara 1520, o castiñeiro era moi abundante tanto no litoral como no interior de Galicia, xa que as castañas xogaban un importante papel na dieta da poboación, competindo cos cereais. Esta situación empezou a mudar coa chegada dos cultivos americanos, que progresivamente fórono desprazando por resultar máis produtivos. Progresivamente, a castaña foi perdendo protagonismo na nosa dieta, o que provocou unha forte regresión das masas de castiñeiros.

Do castiñeiro aprovéitase todo: o froito para alimentación e repostería, a madeira para construción e carpintería, e os taninos presentes nas follas e a casca utilízase en medicina e para a o curtido e tinguidura do coiro. Destaca tamén o uso da súa madeira en mobiliario de igrexa.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)