Parroquia
Marrozos
Tipoloxía
Castro
Cronoloxía
Idade do Bronce
Historia
O castro é un tipo de construción protohistórica que servía como poboado das sociedades locais durante a Idade do Ferro. Constitúe un dos elementos máis significativos do patrimonio arqueolóxico do noroeste peninsular, e a popularidade destas construcións fixo que se empregue este nome para denominar tanto a este tipo de estruturas, como a toda a Idade do Ferro local, coñecida como cultura castrexa.
A cultura castrexa comezou a organizarse na Idade do Bronce final (séculos VI-VII a.C.), mais foi entre finais do século II a.C. e a conquista romana cando acadou o seu auxe. Esta etapa caracterízase na Europa occidental pola aparición de instrumentos de ferro e polo desenvolvemento de sociedades guerreiras xerarquizadas que habitaban en poboados fortificados. A principal zona de construción de castros é o territorio que hoxe ocupan Galicia e o noroeste de Portugal.
Os diferentes castros varían moito nas súas dimensións, contextos de localización, sistemas defensivos e estruturas internas, aínda que seguen todos un modelo dominante que consiste na delimitación dun espazo de tamaño medio ou grande mediante terrapléns, foxos e murallas de terra, para formar unha planta circular ou ovalada.
A sociedade castrexa era unha cultura campesiña e guerreira, de aí que o emprazamento destes primeiros poboados depende de dous factores fundamentais: a dispoñibilidade de auga e recursos e a localización estratéxica e defensiva.
Os asentamentos humanos precisaban situarse na proximidade das terras máis aptas para o cultivo, así como de puntos para o abastecemento de auga potable. Grazas á alta pluviosidade que garante a presenza de auga, a dispersión de castros polo territorio galego é moi alta.
As comunidades castrexas interviñeron de forma harmoniosa na contorna, preservando os bosques de folla caduca e baseando a súa economía na explotación agraria dos solos húmidos, onde cultivaban millo, liño, avea, verzas e leguminosas, así como fabas e chícharos. Nos solos máis secos producían trigo e cebada. Os montes que rodeaban os castros eran aproveitados para pasteiros.
Entre os animais domésticos salientan ovellas, cabras e porcos, que se explotaban fundamentalmente para o consumo de carne, a obtención de leite e como función de tiro para carros ou arados. Nas zonas próximas ao mar, primou tamén a necesidade de acceso aos recursos mariños, pesca e marisqueo, o que en ocasións orixinou que se levantasen castros en pequenas penínsulas.
En case todos os castros practicaríanse tamén actividades artesanais, como a olaría, a fabricación de roupa e a actividade metalúrxica co uso pequenas forxas. Existían os contactos comerciais cos pobos veciños e con diferentes pobos do mediterráneo, a través de rotas de comercio.
Os castros adoitan situarse en puntos estratéxicos de defensa, dende onde se controle visualmente o territorio circundante. O seu exterior percíbese como unha auténtica fortaleza, dotada dunhas defensas monumentais. As murallas delimitan o espazo habitado e deféndeno; dende os sistemas defensivos máis simples compostos por unha única liña de muralla, de terra ou pedra ao xeito dunha terraza ou terraplén, evolucionaron cara estruturas formadas por entre tres e cinco liñas de muralla combinadas con foxos, é dicir, escavacións profundas que rodean á muralla.
Aínda que de dimensións moi variables, en función da xente que vivise neles, a maioría dos castros ocupan en torno a media ou unha hectárea. Albergaban diversas edificacións realizadas con paredes de pedra e teitos de colmo, compostas por vivendas familiares e espazos de convivencia, así como compartimentos destinados a almacenar os alimentos, os apeiros, ou funcionaban como cisternas.
Presentan un sinxelo urbanismo, creado a partir dunha serie de rúas principais de trazado sinuoso, en ocasións empedradas, ou mesmo pequenas prazas, ás que se abren as vivendas circulares ou ovaladas, con menos frecuencia rectangulares, e de dimensións pequenas. No seu centro ou acaroada a unha das paredes sitúase unha lareira que servía para quentarse e cociñar os alimentos.
Descrición
O castro atópase nun outeiro, a pouca distancia do Rego das Covas de Santa Lucía. Tamén está moi preto da Capela de Santa Lucía, a carón da ponte por onde pasa a ruta da Vía da Prata do Camiño de Santiago, pouco antes de chegar a cidade. Ten como castros veciños aos castros de Angrois e o Cotro, a escasos 2 quilómetros polo noroeste e sueste, respectivamente.
Presenta un recinto central de forma tendente a circular, rodeado de varias liñas de defensas, formadas por pequenos aterrazamentos e terrapléns que aproveitan a pendente natural das abas do outeiro. Polo lado norte, a liña defensiva exterior ensánchase e dá lugar a unha pequena terraza que podería ter formado parte da área habitacional do castro.
As dimensións do recinto principal sitúanse nos 80 metros de diámetro, oscilando as do conxunto entre 120 metros (leste-oeste) e 185 metros (norte-sur).