mainimg
Código: AQ006
-
Patrimonio
Localización

Parroquia

San Xoán de Fecha

Información

Tipoloxía

Castro

Cronoloxía

Idade do Bronce

Historia

O castro é un tipo de construción protohistórica que servía como poboado das sociedades locais durante a Idade do Ferro. Constitúe un dos elementos máis significativos do patrimonio arqueolóxico do noroeste peninsular, e a popularidade destas construcións fixo que se empregue este nome para denominar tanto a este tipo de estruturas, como a toda a Idade do Ferro local, coñecida como cultura castrexa.

A cultura castrexa comezou a organizarse na Idade do Bronce final (séculos VI-VII a.C.), mais foi entre finais do século II a.C. e a conquista romana cando acadou o seu auxe. Esta etapa caracterízase na Europa occidental pola aparición de instrumentos de ferro e polo desenvolvemento de sociedades guerreiras xerarquizadas que habitaban en poboados fortificados. A principal zona de construción de castros é o territorio que hoxe ocupan Galicia e o noroeste de Portugal.

Os diferentes castros varían moito nas súas dimensións, contextos de localización, sistemas defensivos e estruturas internas, aínda que seguen todos un modelo dominante que consiste na delimitación dun espazo de tamaño medio ou grande mediante terrapléns, foxos e murallas de terra, para formar unha planta circular ou ovalada.

A sociedade castrexa era unha cultura campesiña e guerreira, de aí que o emprazamento destes primeiros poboados depende de dous factores fundamentais: a dispoñibilidade de auga e recursos e a localización estratéxica e defensiva.

Os asentamentos humanos precisaban situarse na proximidade das terras máis aptas para o cultivo, así como de puntos para o abastecemento de auga potable. Grazas á alta pluviosidade que garante a presenza de auga, a dispersión de castros polo territorio galego é moi alta.

As comunidades castrexas interviñeron de forma harmoniosa na contorna, preservando os bosques de folla caduca e baseando a súa economía na explotación agraria dos solos húmidos, onde cultivaban millo, liño, avea, verzas e leguminosas, así como fabas e chícharos. Nos solos máis secos producían trigo e cebada. Os montes que rodeaban os castros eran aproveitados para pasteiros.

Entre os animais domésticos salientan ovellas, cabras e porcos, que se explotaban fundamentalmente para o consumo de carne, a obtención de leite e como función de tiro para carros ou arados. Nas zonas próximas ao mar, primou tamén a necesidade de acceso aos recursos mariños, pesca e marisqueo, o que en ocasións orixinou que se levantasen castros en pequenas penínsulas.

En case todos os castros practicaríanse tamén actividades artesanais, como a olaría, a fabricación de roupa e a actividade metalúrxica co uso pequenas forxas. Existían os contactos comerciais cos pobos veciños e con diferentes pobos do mediterráneo, a través de rotas de comercio.

Os castros adoitan situarse en puntos estratéxicos de defensa, dende onde se controle visualmente o territorio circundante. O seu exterior percíbese como unha auténtica fortaleza, dotada dunhas defensas monumentais. As murallas delimitan o espazo habitado e deféndeno; dende os sistemas defensivos máis simples compostos por unha única liña de muralla, de terra ou pedra ao xeito dunha terraza ou terraplén, evolucionaron cara estruturas formadas por entre tres e cinco liñas de muralla combinadas con foxos, é dicir, escavacións profundas que rodean á muralla.

Aínda que de dimensións moi variables, en función da xente que vivise neles, a maioría dos castros ocupan en torno a media ou unha hectárea. Albergaban diversas edificacións realizadas con paredes de pedra e teitos de colmo, compostas por vivendas familiares e espazos de convivencia, así como compartimentos destinados a almacenar os alimentos, os apeiros, ou funcionaban como cisternas.

Presentan un sinxelo urbanismo, creado a partir dunha serie de rúas principais de trazado sinuoso, en ocasións empedradas, ou mesmo pequenas prazas, ás que se abren as vivendas circulares ou ovaladas, con menos frecuencia rectangulares, e de dimensións pequenas. No seu centro ou acaroada a unha das paredes sitúase unha lareira que servía para quentarse e cociñar os alimentos.

Descrición

Denominado tamén Castro de Fecha, está conformado por tres liñas defensivas concéntricas que configuran un recinto de forma oval. Están formadas por terrapléns de terra e muros de cachotería. A maior parte do recinto está ocupado por estruturas defensivas e confórmase unha croa de reducido tamaño, aproximadamente uns 25 metros. O conxunto oscila entre 83 metros (nor-noroeste/sur-sueste) e 155 metros (oeste-suroeste/leste-nordés). No sector noroeste da segunda fila defensiva, ábrese un acceso flanqueado por engrosamentos do muro de pedra.

Ten comunicación visual co Castelo de Portomeiro, na outra banda do río Tambre e nunha situación topográfica semellante. Este está situado a 410 metros de altitude e a 2,5 quilómetros en liña recta dirección noroeste dende Castromaior.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)