Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Catalpa bignonioides Walter
Nome común en galego
Catalpa
Nome común en castelán
Catalpa o catalpa americana
Características
Un dos moitos inconvenientes de termos feito do coche o modo de transporte dominante en Santiago, é a cesión de gran parte do espazo público para a súa circulación e estacionamento. No Parque de Belvís sitúase un aparcadoiro preto da rúa das Trompas, mais para minimizar o seu impacto visual os coches comparten o espazo co arborado, no que altérnanse as catalpas de grandes follas e as moreiras (Morus alba). Ambas especies son caducifolias, polo que mentres nos meses fríos están nun segundo plano, ao vir a primavera destacan co esplendor da súa abundante follaxe, as vistosas flores e os froitos.
Orixe e distribución
Proveñen do sueste de Estados Unidos. A catalpa máis vella coñecida está no Capitolio do estado de Michigan e foi plantada en 1873, pouco despois de que fora descrita por primeira vez por Carlos Linneo en Species Plantarum de 1753.
É relativamente esixente en auga, mais tolera as xeadas e a seca, e pode medrar sobre solos calcarios ou silíceos. A súa resistencia, adaptabilidade e vistosa floración fai que sexa unha árbore amplamente cultivada nas cidades das rexións cálidas de Europa, como ornamento urbano.
Descrición
A catalpa é unha árbore de porte medio que non excede xeralmente os 15 metros de altura, copa ancha e redondeada e tronco pardo-grisáceo, que ás veces adquire tinguiduras avermelladas. É de crecemento rápido e soe vivir menos de 100 anos.
As follas, de forma de corazón e ápice agudo, peludas polo envés, longamente pecioladas e de gran tamaño (até 20 centímetros de longo), desprenden un cheiro moi desagradable cando se machucan.
As flores son grandes e acampanadas, de cor branca con tinguiduras purpúreas e manchas amareladas na garganta, que se dispoñen en inflorescencias ramificadas, terminais e ergueitas.
O froito é unha vaina colgante longa e estreita, case cilíndrica, duns 20 a 35 centímetros de lonxitude que se asemella no seu aspecto a unha legume. Persisten na árbore durante todo o inverno, dotándolle dun aspecto moi característico.
Etimoloxía
Catalpa é o nome vernáculo derivado do que os indios americanos dos estados de Carolina e Xeorxia, os catawba, daban a esta árbore. O uso de catalpa é un erro de transcrición do botánico Scopoli, que fai a primeira descrición formal científica do xénero. Catawba quere dicir cigarro, xa que no outono, cando as follas caen, nas copas de estas árbores persisten os froitos marróns colgando durante todo o inverno, semellantes a puros.
O termo de especie, bignonioides, foille outorgado en honra a Jean-Paul Bignon (1662-1743), bibliotecario de Luís XIV de Francia. Foi o seu discípulo, Joseph Pitton de Tourneford, quen nomeou o xénero Bignonia en 1694. O seu apelido designa tamén á familia a que pertence esta árbore, a Bignoniaceae.
Usos
Son árbores moi decorativas, empregadas nos xardíns e espazos verdes das cidades, especialmente en aliñacións de paseos debido á sombra que producen. Na cidade de Londres hai unha gran ringleira de grandes exemplares de catalpa situados preto das casas do Parlamento e o Big Ben.
Existe a crenza de que a súa presenza escorrenta os mosquitos, feito que unido ao seu crecemento rápido, a súa resistencia á polución e a súa vistosidade como ornamental potenciou a súa difusión en xardinería.
A súa madeira utilízase para facer postes e travesas de ferrocarril. As súas vainas e sementes en decocción teñen propiedades antiespasmódicas, sedantes e antiasmáticas, xa coñecidas polos nativos americanos. Usouse como sucedáneo da quinina para as febres dos pantanos polos seus efectos febrífugos, como colirio contra o tracoma e a conxuntivite. A súa cortiza considérase un eficaz antihelmíntico, para expulsar os vermes intestinais. Debe evitarse, con todo, a utilización das raíces, que son tóxicas.