.jpg)
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Centro de estudos
Cronoloxía
2001
Autor
César Portela e Arate Isozaki
Historia
O edificio do Centro de Estudos Avanzados combínase coa amplitude dos salóns da Casa de Europa e a beleza da contorna do Parque da Finca Simeón, para ofrecer o mellor escenario para o encontro entre os membros da comunidade científica.
Responde a unha iniciativa relacionada coa procura da creación dun foro de intercambio de experiencias, métodos e proxectos entre os investigadores galegos e os internacionais co que crear un nexo permanente entre o equipo da USC e os profesores e investigadores visitantes.
Esta iniciativa vincúlase co quinto centenario da USC en 1995 e coa promoción, en 1994, da creación do Grupo Compostela, unha ampla rede universitaria europea, con máis de setenta universidades pertencentes a vinte países europeos.
O edificio do Centro de Estudos Avanzados serve de complemento a este ámbito, cunha dobre finalidade:
- Representa un foro de intercambio de experiencias, métodos e proxectos entre os investigadores e universitarios galegos e internacionais.
- Facilita a conexión entre a universidade e os centros de decisión, ofrecendo de xeito áxil e rigoroso respostas científicas aos grandes retos da nosa sociedade.
Trátase deste xeito, dun punto de referencia para que a comunidade científica universitaria divulgue na sociedade o estado da ciencia, a técnica, as humanidades e as artes, e responda ás súas preocupacións máis inmediatas.
Descrición
O edificio do Centro de Estudos Avanzados foi construído entre os anos 2000 e 2001 segundo un proxecto realizado por César Portela e Arate Isozaki. O promotor da obra foi o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela e o centro está xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi inaugurado o 12 de novembro de 2001 xunto coa Casa de Europa, sendo o primeiro director do centro o catedrático de fisioloxía Carlos Acuña Castroviejo.
No edificio combínase a pedra, o aceiro e o vidro como materiais construtivos básicos. É racional na súa concepción construtiva, xa que nel predominan as formas puras dunha caixa de planta cadrada formada no seu interior por dous bloques prismáticos de igual volume, separados entre si por unha greta de luz na que se sitúa a escaleira que comunica todas as plantas.
A entrada rompe a forma cúbica cun lintel sobre o que se abre nunha das súas fachadas unha galería vítrea, que abre o cerramento de pedra e permite que a luz penetre no interior, facendo infinitos xogos de transparencias que enriquecen os espazos e creando unha atmosfera de ingravidez misteriosa.