mainimg
Código: CS009
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Campus Universitario Sur

Barrio

San Lourenzo-Campus Sur

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Cedrus deodara (D. Don) G. Don Fil. in Loudon

Nome común en galego

Cedro do Himalaia

Nome común en castelán

Cedro del Himalaya

Biometría

Perímetro normal

1,70 metros

Altura

22 metros

Diámetro de copa

18 metros

Información

Características

Tanto os cedros do Himalaia coma os do Atlas (Cedrus atlantica) son as árbores de maior tamaño do Campus Sur. Algúns alcanzan os 4 metros de perímetro, xa que foron plantados nas primeiras fases de axardinamento da antiga Residencia Universitaria, como é o caso dos catro cedros do Himalaia sitúanse nos ángulos da Praza de Rodríguez Cadarso, que se sitúa ante os colexios maiores do Campus Sur. Enchen o espazo co seu verdor e son moi visibles desde o miradoiro situado sobre a escalinata no Parque da Alameda.

Este cedro forma parte deste grupo de catro, é o que está situado na esquina que forman os colexios maiores Rodríguez Cadarso e o de San Clemente, ao fondo da praza. Ten o tronco moi dividido, polo que a súa característica copa piramidal queda menos definida.

Orixe e distribución

Procedente do noroeste do Himalaia, Afganistán, Nepal e Tíbet, onde forma inmensos bosques nas abas das montañas. Vive entre 1.700 e 3.000 metros de altitude, aínda que pode chegar até 3.600 metros. Foi introducido en Europa en 1822 polo almirante escocés Leslie Melville, Conde de Leven (1785-1860).

Descrición

Conífera de gran tamaño, que no seu hábitat natural acada 80 metros de altura e 6 metros de perímetro do tronco, podendo chegar a vivir máis de 135 anos. Ten follas perennes e curtas recollidas en ramalletes, coas pólas novas colgantes, polo que tamén se lle chama cedro chorón.

Semellante ao Cedrus libani, diferénciase deste por posuír as pólas novas pubescentes e porque a diferenza doutros cedros, o seu brote terminal é pendular.

Etimoloxía

O nome deste xénero ten a súa orixe nunha mala interpretación do botánico Karl Linneo, quen chamou Pinus cedrus ao cedro do Líbano. Mais o cedrus dos romanos e kedros dos gregos refírense a unha conífera de madeira aromática, como os cedros ou os xenebreiros (Juniperus), unha planta moi distinta.

O adxectivo específico deriva do sánscrito devadaru (árbore dos deuses), debido ao seu porte maxestoso, á incorruptibilidade da súa madeira e ao seu uso para obxectos de culto. O cualificativo latino deodara (casa ou refuxio de Deus) fai referencia á utilización da súa madeira na construción de templos no seu país de orixe.

O cedro, erez en hebreo, é a árbore máis citada da Biblia.

Usos

Son unhas coníferas maxestosas, moi utilizadas para a ornamentación de parques. A súa madeira de cor vermella é de boa calidade xa que é case imputrescible, moi aromática, e doada para traballar. Isto, unido ao seu rápido crecemento, fan dela unha especie idónea para uso forestal, empregándose dende a antigüidade para a construción naval ou a fabricación de sarcófagos.

Segundo a tradición, a súa madeira foi empregada para construír o primeiro Templo de Xerusalén. Xa que os insectos evitan esta árbore, e polo seu bo aroma, é moi apreciada para facer caixóns para a roupa branca. Tamén se emprega para instrumentos musicais, cofres e carpintería de luxo, así como para a obtención de aceite de cedro.

A madeira utilízase para facer incenso, e o seu aceite esencial emprégase como repelente. Úsase tamén en aromaterapia e en medicamentos aiurvéticos, moi estendidos na India.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)