
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
Nome común en galego
Cedro de California
Nome común en castelán
Cedro de California
Características
Este exemplar de cedro de California é un dos poucos que se poden ver en Santiago de Compostela. Localízase nun dos extremos do Paseo de Inverno da Alameda, xunto ao Monumento a Rosalía de Castro.
Orixe e distribución
Procede das montañas de California, Oregón e Nevada, no oeste dos Estados Unidos, onde se sitúa entre os 300 e 2.500 metros de altitude. Descuberto no val de Sacramento polo coronel e explorador americano John Charles Frémont en 1846; foi introducido en Europa en 1853 polo botánico escocés John Jeffrey, que recolleu plantas no oeste de América do Norte que se plantaron en Inglaterra.
Descrición
No seu medio natural abrangue os 45 metros de altura e 4 metros de perímetro do tronco, aínda que nos xardíns apenas acada os 20 metros. O seu crecemento é bastante rápido e pode alcanzar normalmente de 300 a 500 anos, aínda que se di da existencia de exemplares con preto do milenio.
Ten un porte columnar estreito, con follaxe densa, madeiro recto e cilíndrico, e codia escamosa, con fendas lonxitudinais e que se desprende en tiras. As pólas son curtas, dispostas en paralelo ao chan. As follas son escuamiformes, máis longas que anchas, dispostas en dous pares opostos.
As piñas miden 2,5 centímetros, están formadas por 3 pares de escamas. Sitúanse en posición terminal e son de cor verde clara, pasando a parda cando están maduras.
Etimoloxía
O prefixo grego calo significa belo ou elegante, de forma que calocedrus quere dicir cedro elegante, aludindo ao vistoso desta especie. O cualificativo alude a que as súas follas escuamiformes son decorrentes, xa que teñen o limbo estendido ao longo do talo coma se estivesen adheridas a el. O antigo nome xenérico era Libocedrus.
Usos
Cultívase nos xardíns como árbore ornamental, onde destaca polo porte columnar dos individuos mozos, que mudan cos anos até ter unha copa con pólas patentes e acobadadas. A miúdo utilízase para formar sebes.
A súa madeira é de cor parda-rosada, moi lixeira, doada de traballar, mais pouco resistente aos golpes. Úsase en ebanistería e para a fabricación de lapiseiros, pois córtase con facilidade sen romperse.
Dise que os habitantes de Vancouver facían impermeables para a chuvia coa parte interior da codia, moi lixeiros e manexables.