mainimg
Código: BO009
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de San Domingos de Bonaval

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Erythrina crista-galli L.

Nome común en galego

Ceibo, árbore do coral ou crista de galo

Nome común en castelán

Ceibo, árbol del coral o cresta de gallo

Información

Características

Esta árbore foi plantada o 24 de xullo de 1995, xusto un ano despois da inauguración do parque. Foi un regalo do Presidente da República Oriental do Urugai, e así o di a placa de bronce que o acompaña. Está situado na costa que conduce cara a Fonte do Lavadoiro, na parte baixa da carballeira, preto dunha faia regalada pola Corporación Municipal de Pamplona o 13 de novembro de 1999.

Orixe e distribución

Árbore nativa de América do Sur (leste de Brasil, Bolivia, Perú, Paraguai, Uruguai e o norte de Arxentina) que está naturalizada na costa este de Australia e no sueste de Estados Unidos (Florida, Louisiana, Mississippi e Xeorxia) onde é unha das especies ornamentais máis comúns. Chegou a Europa en 1771. É rara na Península Ibérica e incluso na Galicia costeira, de clima doce, é unha planta non frecuente.

Descrición

Débese podar en épocas de frío, ao que é moi sensible. Normalmente crece entre 5 e 8 metros de alto, mais ocasionalmente pode acadar os 10 metros ou máis. O madeiro e as ramas están escasamente cubertos con afiadas espiñas dispersas, ocasionalmente recurvadas en forma de gancho.

Ten follas caedizas divididas en tres folíolos (trifoliada e imparipinnada) alongados e ovales, e rechamantes flores escarlata que nos meses do verán aparecen situadas ao final das ramas. Os froitos son legumes, con vaíñas marróns, alongadas, que se estreitan entre cada unha das sementes.

Etimoloxía

O nome xenérico ven do grego erythros (vermello) pola cor das súas flores e o específico alude ao estandarte da flor, vermello e ergueito que recorda a unha crista de galo.

Usos

Cultívase exclusivamente como ornamental en parques e xardíns por su espectacular floración, que atrae aos paxaros. A do ceibo é a flor nacional de Arxentina e Uruguai.

A súa madeira é branda, porosa e pouco duradeira, polo que apenas se lle dá algún uso.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)