mainimg
Código: PR163
-
Espazos Singulares
Localización

Parroquia

San Caetano

Información

Tipoloxía

Cemiterio

Cronoloxía

1946

Autor

José María Banet

Historia

Dende época prehistórica, os mortos sepultábanse afastados dos poboados, para evitar riscos á saúde e respectar o descanso eterno. Mais o auxe do cristianismo na Baixa Idade Media consente os enterramentos nos ámbitos relixiosos, colocando tumbas no interior das igrexas ou camposantos nos seus atrios.

As cidades durante o século XVIII presentaban graves carencias en salubridade: a hixiene pública era case inexistente e a acumulación de sucidade urbana representaba un grave problema, que se complicaba cos enterramentos nos cemiterios intramuros.

Esta situación dará lugar a distintos problemas de saúde pública, que se tratarán de corrixir a partir das normativas hixienísticas xurdidas co pensamento ilustrado, que contemplaron a mellora da saúde e o aumento da poboación. Os puntos máis coñecidos desta política foron a asistencia a expósitos, a beneficencia e a prevención de epidemias.

A construción de cemiterios extramuros das cidades foi unha das máis importantes preocupacións sanitarias dende finais do século XVIII, como mostra a Real Cédula emitida por Carlos III en 1787. O terreo dos cemiterios debía estar situado en sitios ben ventilados e afastados das casas, cunha orientación contraria aos ventos dominantes.

Un dos cemiterios máis importantes de Compostela estaba situado no mesmo interior da cidade, na Praza da Quintana. Foi desmantelado por localizarse nunha posición central, tratando de evitar que en épocas de calor puidésense provocar epidemias.

No seu lugar habilitouse o cemiterio de Santa Susana, na Alameda, que sería utilizado ao longo do século XIX xunto co do Rosario e outros camposantos nos bordos da vella cidade: o da Terceira Orde xunto ao Convento de San Francisco, o do antigo Hospital Real, o de San Roque, o da Angustia de Arriba, o de Santa María de Sar e o da Guadalupe.

Santiago necesitaba unha necrópole xeral, para o que se farán as xestións relativas á procura, localización e compra dos terreos destinados a tal fin. En 1838 acórdase construír o novo camposanto no terreo situado xunto ao Convento de Santo Domingo de Bonaval, un lugar ben comunicado, no alto, asollado, ventilado e afastado de pozos de auga. Inaugurouse en 1847, mais será continuamente remodelado para ampliar a súa capacidade para compensar os altos índices de mortaldade que se rexistran nese período.

A corporación municipal busca lugares máis idóneos para o emprazamento dunha nova necrópole, como o Monte das Cancelas, mais en 1893 acórdase a implantación dun novo cemiterio en Boisaca, unha ampla chaira situada ao norte do termo municipal. O proxecto para a construción da necrópole encárgase ao técnico municipal Fernández Ragel, mais o proxecto é paralizado.

O proxecto de Boisaca recupérase na década de 1930. O arquitecto municipal interino José María Banet farase cargo do proxecto, dirixindo o movemento de terras en 1932 e planificando as urnas funerarias e as avenidas de distribución internas, cuxa apertura se produce en 1946.

Descrición

O Cemiterio de Boisaca é o principal cemiterio de Compostela. Conta con capela, cruceiro e unha moi ampla rúa principal a cuxos lados ábrese até o fondo unha fileira de panteóns, detrás dos cales sitúanse os soterramentos máis comúns, como son os de terra, e finalmente contra os muros, os nichos. Pódense ver dende as máis normais tumbas até un gran número panteóns con fermosas esculturas. Ten zonas destacadas como un panteón militar, un cemiterio infantil e un cemiterio civil, dedicado aos protestantes.

O lugar foi escenario de varios fusilamentos durante os primeiros meses da Guerra Civil española, polo cal existe un recordo nun dos muros do cemiterio en homenaxe aos executados, con varias placas dos concellos de Santiago de Compostela e Ordes.

Entre as personalidades soterradas no cemiterio atópanse: Aurelio Aguirre, Simeón García de la Riva, Roberto Nóvoa Santos, Ramón María del Valle-Inclán, Xoán Xesús González, Modesto Pasín Noya, Pablo Pérez Costanti, José Pasín, As Marías, Ricardo Carvalho Calero, Antón Fraguas, Roberto Vidal Bolaño, Domingo García-Sabell ou Isaac Díaz Pardo.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)