Parroquia
Marrozos
Tipoloxía
Centro BTT
Historia
Esta antiga escola unitaria foi creada grazas á iniciativa dos veciños da Susana en 1952, promovida por Alfonso Quintás Seijo, dono dun ultramarinos da Susana, que sempre miraba pola parroquia para modernizala, e que impulsou a idea de crear unha escola, posto que nesta aldea non tiñan, e os nenos e nenas ían á Casa de Ofelia (a panadería), que funcionaba tamén a modo de escola. O terreo foi doado pola Casa de Castro, e na súa construción axudaron os veciños da Susana e de Gamás, inaugurándose no 1956 a Escola Unitaria da Susana-Marrozos.
Exerceu como escola até hai 15 anos, mais as mulleres da Susana encargáronse de coidala evitando a súa ruína. No 2016, un grupo de mozos e mozas pertencentes ao Obradoiro de Emprego Ecorural, promovido pola Xunta e polo Concello de Santiago, rehabilitaron esta antiga escola unitaria converténdoa no primeiro centro BTT de Santiago.
Descrición
O Centro BTT da Susana ofrece toda a información para o coñecemento do medio rural e natural do Concello a través da práctica da bicicleta de montaña e do sendeirismo, procurando sensibilizar e concienciar sobre o turismo sostible e respectuoso co medio. Visitando o propio centro ou a través da súa páxina web, pódense atopar, así como descargar, rutas para facer en bicicleta ou a pé. Deste xeito pódese coñecer o importante patrimonio natural e cultural do Val de Santa Lucía existente nas parroquias de Aríns, Marrozos e O Eixo.
Polo lugar onde está situado, á beira do Camiño de Santiago (Vía da Prata) e na fronteira entre o Concello de Santiago cos de Vedra e Boqueixón, ofrece as mellores posibilidades para realizar rutas BTT ou de sendeirismo por esta comarca, delimitada polo río Ulla, o Pico Sacro, e bañada polos ríos Santa Lucía e Pereiro, onde abundan muíños, pontellas, fervenzas, bosques caducifolios, vestixios históricos, pazos, igrexas...