
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Tipoloxía
Centro cívico
Cronoloxía
Século XVIII-XIX
Historia
A zona é testemuña do desenvolvemento industrial de Compostela no século XVIII, xa que en 1792 Jacobo Pérez Villamarín, un comerciante residente en Vidán, decide crear un complexo industrial formado por unha fábrica de papel, varios muíños fariñentos e un curtidoiro, que foi punteiro no seu momento.
Comeza o seu proxecto industrial coa fábrica de papel, construída en 1792 por Nicolás Santamarina, que poucos anos máis tarde decide asociarse con Andrés María Fariña Tarrío para engadir unha fábrica de curtidos, mais este retirouse polos excesivos gastos que tiña dita construción. Manuel Freire Castrillón será o novo socio de Villamarín, e xuntos levantarían o Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán ou do Pego.
No 1800, Jacobo Pérez ten problemas económicos e que ten que ceder a súa parte da sociedade, quedando Manuel Freire como único propietario do curtidoiro. Freire era un comerciante compostelán, deputado da provincia de Mondoñedo nas Cortes de Cádiz, Familiar do Santo Oficio e absolutista durante os anos do Trienio.
O Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán ou do Pego estaba dedicado á preparación, curtido e acabado do coiro, así como a preparación e tinguido de peles. Realizábase a curtume dos coiros importados do Río da Prata mediante o método tradicional en pías, utilizando taninos de orixe vexetal, extraídos da cortiza dos carballos existentes na zona. Coas peles de vaca e tenreira elaborábanse solas, destinadas ao piso do calzado, e becerro para a empeña dos zocos ou a cana das botas.
A fábrica de curtidos foi saqueada polos franceses durante a Guerra da Independencia e vendidas as existencias aos zapateiros locais, o que deu lugar a varios preitos contra estes zapateiros. Tras a morte de Manuel Freire, a fábrica de coiros é arrendada en 1826 aos portugueses Benito Fernández e José Teigeira.
Até a súa morte en 1860, Benito Fernández manterase como único arrendatario, levando a xestión da fábrica de coiros. Era un fabricante de sombreiros oriúndo de Braga que levaba máis de vinte anos en Compostela, polo que o curtidoiro foi coñecido nesta etapa como a de Benito O Portugués.
Tras a morte de Benito, a fábrica de coiros continúa funcionando baixo a dirección de varias persoas, mais o conxunto fabril pechou a súa actividade como curtidoiro no 1889. O novo dono, Manuel Fuentes Rodríguez, non estaba interesado na industria do coiro polo que o seu fillo, o avogado e xuíz municipal compostelán Agustín Fuentes, converteu a antiga fábrica nunha finca de recreo. A edificación principal foi transformada nunha construción residencial, engadindo ao edificio unha torre nova de tres pisos de altura, convertendo os secadoiros e as instalacións do curtidoiro en alpendres e edificacións accesorias e convertendo os arredores nun vistoso xardín.
Nesta nova etapa, ao edificio chamóuselle Villa Rin ou Quinta dos Fuentes, por ser este o apelido dos novos propietarios, aínda que tamén tivo o nome de Villa Rial e segue sendo coñecida popularmente como a Casa de Brandía. Foi coñecido como a Quinta dos Xesuítas por ser leira de retiro desta compañía relixiosa. Finalmente foi vendida no 1974. Na actualidade é propiedade do Concello de Santiago de Compostela, adquirida para a utilización do edificio residencial como Local sociocultural de Vidán.
Descrición
Os centros cívicos son espazos para a dinamización da vida social e cultural de Compostela. Son equipamentos de uso comunitario, onde se organizan actividades que pretenden fomentar a convivencia dos veciños a través de programas de ocio, culturais e aprendizaxe. Están abertos á participación de todos os veciños de Compostela.
A Rede de Centros Cívicos de Santiago están concibidos para o uso e aproveitamento comunitario, tendo o obxectivo de fomentar a convivencia entre os veciños e impulsar a súa participación nestes espazos.
Unha vez escoitadas as propostas e suxestións dos veciños, prográmanse un conxunto de actividades dirixidas á maior franxa posible de interesados, garantindo así unha proposta global e plural.
O tipo de actividades que se poden atopar nos cívicos, son as que se describen a continuación.
Actividades culturais e tempo libre:
- Cursos, talleres sobre distintas prácticas artísticas.
- Exposicións e exhibicións de pequeno formato.
- Representacións teatrais e musicais.
- Visitas culturais.
- Charlas, conferencias e mesas redondas sobre temática actualizada.
Actividades de promoción social e saúde:
- Clubes variados (maiores, viaxeiros, fotografía, natureza, lectura, astronomía ou arte).
- Obradoiros de relaxación (ioga, taichi, aromaterapia ou musicoterapia).
- Charlas de educación para a saúde, alimentación e vida saudable.
Servizos que se prestan nos centros cívicos:
- Espazos para xuntanzas de entidades (previa petición).
- Espazos para exposicións.
- Bibliotecas.
- Aulas de lectura e xogo infantil.
- Salas de informática.