mainimg
Código: AL095
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Prunus avium L.

Nome común en galego

Cerdeira ou cereixeira

Nome común en castelán

Cerezo

Información

Características

Sitúase nos xardíns do Campo da Estrela, a carón dos bancos de madeira colocados formando un círculo. A súa condición de especie caducifolia permite que en inverno pasen os escasos raios de sol mentres que no verán, cubre dunha agradable sombra aos bancos.

Orixe e distribución

Orixinaria de Europa, oeste de Asia e norte de África. Está amplamente distribuída en Europa nos bosques e arboredos mixtos. Na Península Ibérica medra de forma natural sobre todo na metade norte.

Foi cultivada dende tempos moi antigos. Descubriuse a súa presenza en xacementos arqueolóxicos do Neolítico, e tense constancia de cultivos realizados en Asia Menor no século IV a.C.

Descrición

Fermosa árbore caducifolia que pode alcanzar os 25 metros de altura, de tronco groso e ben definido, con cortiza lisa e grisácea, avermellada cando é nova, que se creba e escurece coa idade. As follas son de forma ovada e agudas no ápice, coa marxe finamente serrado e pecíolo ben desenvolvido, que presenta unhas pequenas glándulas vermellas como dous pequenos grans, na unión coa lámina. Son de cor verde escura pola face, algo máis pálido e pilosas polo envés.

As flores, de cor branca, teñen 5 pétalos e numerosos estames, que se dispoñen formando acios, e longamente pecioladas do mesmo xeito que as futuras cereixas. Os froitos da cerdeira silvestre teñen sabor agridoce e son máis pequenas e ásperas que as do cultivado.

Etimoloxía

O nome de Prunus avium vén significar, en latín, ameixeira de paxaros, pola gran atracción que os seus froitos vermellos exercen sobre as aves, ás que lles gusta comer neles. Curiosamente, o nome latino da cerdeira, cerasus, retívoo a guindeira (Prunus cerasus), un parente próximo e moi parecido a este.

Usos

Poucos espectáculos hai tan efémeros, mais tan fermosos ao mesmo tempo, como a floración das cerdeiras. Non soamente é popular a tradición de observar as flores das cerdeiras durante o Hanami en Xapón, senón que é un importante atractivo turístico de lugares como o Valle del Jerte en Cáceres.

A madeira é dura e de textura fina, de cor pardo, doada de traballar e de excelente acabado, apreciada en ebanistería para mobles e revestimentos. As follas teñen propiedades terapéuticas contra a bronquite e diarreas, en tisana son diuréticas e algo sedantes. Os froitos son ricos en ferro e calcio, constituíndo unha boa achega destes elementos na dieta.

Coas cereixas elabóranse conservas, marmeladas, confeituras e licores. Coa destilación dun viño elaborado a partir de cereixas prepárase en Alemaña o kirsch e en Dalmacia (Croacia), cunha variedade de guinda amarga, o marrasquino.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)