Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Nome científico
Prunus serrulata Lind.
Nome común en galego
Cerdeira xaponesa ou cerdeira de flor
Nome común en castelán
Cerezo japonés
Características
É facilmente distinguible polas súas flores, que parecen rosas cultivadas; e polas súas follas, que presentan a marxe máis finamente serrada que as das cerdeiras comúns, e cos dentes terminados nunha fina punta, que da á folla un aspecto esfiañado.
Orixe e distribución
A súa área natural de distribución atópase en China e Corea. O Capitán Collingwood Ingram, autoridade botánica en cerdeiras, identificou a árbore nun cadro xaponés onde aparecía representada e recuperouna, xa que os europeos considerábana unha especie perdida. Collingwood Ingram afirmou que esta especie foi introducida no Xapón dende a China, probablemente a comezos do século XV.
A pesar de non ser orixinaria do país nipón, está considerada como un emblema nacional e forma parte importante do seu patrimonio etnográfico. Levouse a Gran Bretaña a finais do século XVIII dende Xapón, no período de occidentalización producido na Era Meiji, que terminou co illamento do país nas relacións co estranxeiro.
Descrición
Pequena árbore caducifolia que acada uns 15 metros de altura, cun crecemento rápido e pouca lonxevidade, xa que apenas alcanza os 40 anos de idade. Ten o tronco recto e a cortiza marrón dotada de bandas horizontais rugosas, saíntes e de cor ocre. A copa é irregular, estendida, aplanada e moi ramificada.
Ten as follas simples, alternas, semellantes ás da cerdeira, mais un pouco máis grandes. Son ovadas, sen pelos, delgadas, co ápice longamente acuminado, a base cuneada e os bordos simple ou dobremente serrados, con dentes acabados nun cilio. De cor verde, no outono as follas adquiren tonalidades rosadas a douradas antes da caída.
As flores son moi vistosas, rosadas, xeralmente de dobre corola, formando acios de entre tres e cinco flores que saen na primavera, entre abril e maio, cunha floración moi estendida, posto que aínda que aparecen antes que as follas, permanecen na árbore mentres que estas van saíndo. Os froitos son drupas redondeadas, de cor vermella escura relucente, moi carnosas.
Etimoloxía
Prunus provén dun antigo nome grego co que se denominaban as ameixeiras. Ese nome pasou ao latín e foi empregado por autores como Virxilio ou Plinio O Vello. É un xénero que inclúe varias especies cultivadas polos seus froitos, como o pexegueiro (Prunus persica), o albaricoqueiro (Prunus armeniaca) ou a amendoeira (Prunus dulcis).
O nome específico serrulata derívase do diminutivo latino serrulatus, pequena serra, aludindo ás follas serradas. A denominación común de cerdeira xaponesa fai referencia ao seu lugar de proveniencia dende o punto de visto europeo, posto que non é esta a súa verdadeira orixe.
Usos
Cultívase como especie ornamental, aparecendo frecuentemente en rúas e avenidas xa que soporta ben a contaminación, pola súa abundante e atractiva floración primaveral e porque as follas presentan unhas intensas cores amarelas e vermellas no outono. Ao igual que noutras moitas plantas de xardín, como as roseiras ou as camelias, existen preto de 120 variedades de cerdeiras xaponesas, entre as que destacan as de flores dobres.
En Xapón está asociada cos señores feudais e os samurais, e non hai templo, santuario ou parque en todo o país que non estea adornado cunha cerdeira de algún tipo. A cerdeira xaponesa denomínase sakura e a súa flor constitúe un dos símbolos máis coñecidos da cultura xaponesa, xa que a ela dedícase o festival de Hanami, que consiste en reunirse nun pícnic baixo as cerdeiras para celebrar a beleza das flores.
Estados Unidos recibiu 3.000 cerdeiras en 1912 como regalo de simpatía de Xapón, polo que anualmente conmemórase o festival de Hanami en Washington, onde están plantadas estas árbores no Tidal Basin Park.