.jpg)
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Museo
Cronoloxía
1993
Autor
Álvaro Siza
Historia
Este museo foi unha das obras máis controvertidas da década dos noventa na cidade de Compostela, na que o novo edificio desatou abundantes críticas debido á súa situación e factura. A súa sinxeleza arquitrabada tenta realzar por contraste a ornamentación do barroco compostelán do convento dominico creado por Andrade, mais neste entorno tan barroco era difícil introducir unha construción de factura contemporánea. Ademais, para a súa construción foi necesario derrubar unha zona da escalinata e parte da balaustrada do convento, o que fixo xurdir unha forte polémica na opinión pública.
Máis doado o tiveron noutra das construcións da época, o edificio do Auditorio de Galicia no parque da Música en Compostela, xa que ao estar situado nun espazo máis neutro, sen ter que harmonizar con monumentos arquitectónicos preexistentes, logrou máis rapidamente a aceptación popular.
A andadura do CGAC comezou o 29 de setembro de 1993 cunha exposición antolóxica da pintora Maruxa Mallo e ten programación estable dende o ano 1995. Dende os inicios, a finalidade primordial do centro é a de achegar a actividade artística contemporánea á nosa sociedade, dende o sector profesional do mundo da arte e a cultura até o numeroso colectivo de artistas, estudantes e persoas interesadas na reflexión estética.
Neste centro hai mostras das liñas directrices do arte das últimas décadas mediante retrospectivas, exposicións temporais e proxectos dos novos creadores. Alberga tamén unha colección permanente propia, realiza ciclos de conferencias e de cine, talleres artísticos, seminarios, concertos e actividades pedagóxicas. Conta con biblioteca, librería e centro de documentación.
Descrición
O Centro Galego de Arte Contemporánea, cos seus preto de 7.000 m2 de superficie, levántase sobre as antigas hortas do convento de San Domingos de Bonaval. É obra do arquitecto Álvaro Siza, quen procurou que a pesar de ser o edificio máis moderno na contorna, o seu deseño fixese conxunto co parque e co Museo do Pobo Galego situado no antigo convento de San Domingos, co que forma un importante núcleo museístico situado nos límites do centro histórico.
O proxecto nace oficialmente o 28 de decembro de 1989, cando apróbase o seu decreto de creación, mais foi proxectado e construído entre 1988 e 1993. Ten diferentes corpos recubertos de placas de granito, que forman diferentes salas destinadas a exposicións de arte, salas de vídeo, de conferencias... Os espazos interiores están creados en mármore branco e madeira, distribuídos en tres niveis abertos ao entorno por fendas de luz características da arquitectura de Siza e rematados por unha terraza aberta á paisaxe urbana concibida como un xardín de esculturas.
Segundo o propio Álvaro Siza: a concepción do edificio débelle moitísimo ó parque porque, coma este, está situado nun terreo con pendente e organizado en plataformas. Esas secuencias de plataformas baixan pola pendente e terminan no edificio polo que este pasa a ser unha plataforma máis.
O edificio reflicte a admiración do seu artífice polos racionalismos e o movemento moderno. A liña, a luz e o volume combínanse para dar paso a unha arquitectura austera e serena que conecta coa tradición galega servíndose do seu material construtivo por excelencia, a pedra de granito, utilizada tanto nas paredes exteriores como na cuberta do edificio.
A fachada cega do centro preséntase como un alto muro de granito que delimita o recinto do convento, pechando desta maneira a esquina que dá á rúa da Caramoniña, unha antiga vía que ascende polo outeiro. A fronte do CGAC pecha o recinto formado polos dous corpos principais do convento, que forman un ángulo recto coas súas respectivas fachadas principais. Créase unha especie de praza na que se sitúan os accesos principais ao tres edificios.
O parque de San Domingos de Bonaval, recuperado e rehabilitado polo propio Álvaro Siza en colaboración con Isabel Aguirre, está constituído por unha serie de plataformas descendentes e non paralelas que conducen ao CGAC e que funcionan como un dos elementos organizadores do edificio, proporcionando a posición do eixo sobre o que se articulan os seus espazos.
A partir deste eixo, o edificio desdóbrase en dous grandes bloques: un compacto formado polas salas de exposicións e os almacéns, que forma parte da estrutura do xardín, e outro orientado cara á rúa, onde se sitúan o espazo de oficinas, a biblioteca e o auditorio. Entre ambos créase un espazo central de forma triangular, que funciona como distribuidor e sala de exposicións.