mainimg
Código: AL092
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Populus alba L.

Nome común en galego

Chopo branco, álamo branco ou chopo prateado

Nome común en castelán

Álamo, álamo plateado o chopo blanco

Información

Características

Está situado no espazo onde se empraza o parque infantil da Alameda, na parte baixa do outeiro de Santa Susana, preto da avenida de Compostela.

Orixe e distribución

Especie amplamente distribuída en Europa, Asia e o norte de África, nos bosques de campiña, bosques de ribeira ou incluso como árbore pioneira en zonas costeiras. Nas formacións ripícolas mestúrase con especies de similares preferencias, como salgueiros, freixos ou ulmeiros. Nesta avidez pola auga radica, en gran parte, o segredo do seu rápido crecemento e como consecuencia, da mala calidade da súa madeira, branda e putrescible.

Descrición

É unha árbore de folla caduca e crecemento rápido, que pode alcanzar 30 metros de altura. Ten un tronco recto e robusto, coa cortiza esbrancuxada e lisa que lembra á do bidueiro.

A súa follaxe adquire tinguiduras prateadas cando son arroladas polo vento xa que as follas, simples e de pecíolo longo e delgado, son de cor verde escura e glabras pola face, cubertas de pelo esbrancuxado pola cara envés, aínda que desaparece co tempo. Teñen diferentes formas, sendo as dos brotes longos palmeadas, con 3 a 5 lóbulos máis ou menos marcados, e as dos brotes pequenos ovaladas e de marxe dentado a lobulado.

É unha especie dioica, dividida en individuos machos e femias. As flores dos pés masculinos dispóñense en amentos colgantes, avermellados e con aspecto de verme, que aparecen previamente ás follas sendo un dos heraldos da próxima primavera. Os amentos femininos son frouxos e verdosos, dando uns froitos cónicos que liberan ao abrirse multitude de sementes.

Etimoloxía

O xénero botánico Populus, nome dado xa por Teofrasto, Dioscórides e Virxilio, foi confirmado por Linneo. Crese que deriva do vocábulo grego paipalleis (axitar), debido á oscilación das follas que provoca calquera vento suave. Tamén hai quen di que a súa orixe está no uso que a estas árbores se lle dou antigüidade, pois adornaban as prazas públicas, denominándoo árbore do pobo, e de aí o populus latino.

O nome específico alba alude á cor branca do envés das follas. O nome chopo é de orixe incerta. Parece que foi almo a forma primitiva, probablemente prerromana, dos ulmeiros tomaron tamén o seu nome, referido a unha árbore de alto porte que medra nas ribeiras dos ríos.

Usos

Para os antigos gregos os chopos representaban a dualidade do ser, os opostos, o yin e o yang dos orientais. Chopo branco e chopo negro, tan común o un como o outro, teñen as follas con caras distintas na face e o envés, e o curioso feito de medrar en terreos acuíferos e a súa madeira usarse para dar lume (incluso modernamente utilízase para fabricar mistos).

O oculto, o máxico e o subterráneo está asociado ao chopo negro, mentres que o visible e o aéreo o é ao branco. Polo tanto, era ademais a única madeira que estaba permitida utilizar nos sacrificios a Zeus. Polo demais, é de bastante mala calidade, pouco resistente, mais apta para pasta de papel, embalaxes e contrachapado.

Especie moi usada en xardinería polas súa calidade estética e a súa resistencia á contaminación. É tal a abundancia da súa frutificación, que durante días os chans da contorna cóbrense dun manto níveo. Esta peluxe branca adoita afectar ás persoas alérxicas, polo que se soe restrinxir a plantación de chopos para evitar estes problemas.

As súas características follas afelpadas son capaces de reter gran cantidade de po atmosférico, contribuíndo á limpeza do aire nas cidades. Este po retido nas follas é arrastrado pola auga de choiva e así a árbore, aínda que que estea cuberta masivamente de po, non sofre dano ningún.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)