mainimg
Código: BE027
-
Sociocultural
Localización

Zona verde

Parque de Belvís

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Centro de interpretación

Cronoloxía

1783

Autor

ARROKABE Arquitectos (rehabilitación)

Historia

As instalacións do CIPX atópanse situadas nos restos do que foi o primeiro establecemento privado para o curtido de peles, fóra do mundo gremial, que houbo en Santiago de Compostela.

Xa no século XV existían na Porta do Camiño varias instalación de píos e pozas para a transformación das peles en coiro, mais non será até 1783 cando os irmáns Joseph e Gaspar Servida comezan a actividade do Curtidoiro das Trompas. Esta fábrica de curtidos recibiu o nome das Trompas porque os seus donos, procedentes de Milán, traballaban como músicos de trompa na capela musical da Catedral, onde varios instrumentistas tocaban os órganos xunto con instrumentos de arco e sopro, dirixidos por un mestre de capela.

Ao construír neste punto o curtidoiro, os irmáns Servida contaban coa vantaxe estratéxica de estar preto dos recursos necesarios para o traballo das peles. O edificio emprázase ao carón do regato do Cancelón do Sar, o que lle proporcionaba a auga corrente necesaria para os labores de ribeira das primeiras tarefas de limpeza das peles. Ademais, tamén se atopaba nas proximidades un matadoiro, de onde obter as peles de vaca coas que comezar a traballar.

A actividade empresarial de curtido de coiro realizada nestes edificios tivo que ser detida a mediados do século XIX, cara o 1860, probablemente debido á súa céntrica situación, o que lle carrexaría diversos problemas relacionados co abastecemento de auga e as queixas dos veciños polos malos cheiros que xeraba o proceso de curtido de peles.

En 2014 a edificación do antigo curtidoiro foi rehabilitado con proxecto de Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela (ARROKABE Arquitectos), comezando a actividade como Centro de Interpretación de Parques e Xardíns no 2016.

O CIPX aproveita a céntrica localización do edificio, inserido no Parque de Belvís, unha característica que no pasado supúxolle a ruína ao curtidoiro, mais que hoxe en día resulta vantaxosa pola súa accesibilidade, a proximidade co Casco Histórico e por contar cun aparcadoiro próximo.

Descrición

O Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela, en adiante CIPX, é un espazo destinado á promoción dos parques, xardíns e zonas verdes da cidade compostelá. Forma parte do Plan de Sensibilización Ambiental incluído no servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arboredo do Concello de Santiago de Compostela, xestionado por Ferrovial Servicios.

O principal obxectivo do CIPX é o de promover unha nova relación da sociedade coa súa contorna, coa finalidade de procurar ás xeracións actuais e futuras unha maior concienciación para a solución dos problemas ambientais que xera os estilos de vida actuais.

Dende o CIPX desenvólvese unha importante tarefa de información e documentación. Para isto, conta nas súas instalacións cunha zona de recepción e información aos visitantes, un lugar de exposicións con soporte audiovisual e unha sala de usos múltiples onde levar a cabo diferentes actividades como xornadas, exposicións temporais, cursos e obradoiros de temática ambiental. O CIPX organiza accións de educación e sensibilización ambiental para a cidadanía, con especial atención aos escolares de ensinanza regrada. Para a divulgación dos valores naturais, patrimoniais e etnográficos de Santiago de Compostela, desenrólase nos parques e xardíns un programa actividades, accións formativas, visitas guiadas e roteiros, así como moitas outras actividades inseridas dentro da oferta desenvolvida polo Concello. Dende o CIPX se xestiona, administra e documenta as hortas urbanas municipais, un proxecto iniciado en 2008 e que pon a disposición da cidadanía pequenas parcelas de terreo dentro das zonas verdes para a realización de actividades hortícolas.

As instalacións do edificio atópanse dispoñibles para calquera iniciativa ambiental que parta, tanto do propio CIPX, como dos centros educativos, asociacións, agrupacións e calquera outra entidade ou persoa interesada en desenvolver actividades como obradoiros, xornadas, programas, cursos ou charlas de sensibilización ambiental e temas relacionados cos parques, xardíns e zonas verdes da cidade.

Outras tarefas inseridas no Plan de Sensibilización Ambiental levadas a cabo polo CIPX, son a organización, documentación e difusión de accións de proxectos didácticos puntuais como o Día da Árbore, programación de actividades para a conciliación laboral e familiar en vacacións, o Día do Medio Ambiente ou conmemoracións especiais.

O persoal encargado da xestión do CIPX está a disposición da cidadanía para calquera consulta, xestión ou realización de actividades que poidan ser de interese para acadar os obxectivos de sensibilización e educación ambiental do centro.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)