Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Descrición
O aumento da poboación nos núcleos urbanos asociado ao establecemento dunha sociedade industrializada xerou un importante cambio nos hábitos de vida dos seus cidadáns. O sedentarismo é un estilo de vida propio dos habitantes das cidades, que se caracteriza polo pouco exercicio e ten asociados unha serie de problemas de saúde como a obesidade, os padecementos cardiovasculares, a fraxilidade ósea ou o estres.
A prevención do sedentarismo e das enfermidades asociadas prevense por medio da inclusión da actividade física nos nosos hábitos de vida, polo que é necesaria a promoción das prácticas deportivas na poboación en beneficio da saúde pública. É por iso que as cidades deben contar con espazos apropiados para a actividade física nos seus parques, xardíns e zonas verdes.
O crecente interese nas actividades deportivas ao aire libre nos ámbitos urbanos, con especial consideración ao ocio e o entretemento, motivan o establecemento de accesorios de ximnasia para uso público en diferentes zonas verdes da cidade. Esta iniciativa comezou no ano 2008 no Parque da Alameda, coa creación do espazo biosaudable dotado de máquinas para exercicios cardiovasculares de baixa intensidade.
O Parque Forestal da Granxa do Xesto constitúe un espazo multifunctional de ocio con diferentes aproveitamentos, un deles é o sendeiro deportivo que ocupa a parte máis elevada da zona verde. Fórmase unha rede de camiños acondicionada con diferentes aparatos para facilitar a práctica deportiva. Estes elementos esixen o traballo de capacidades como o equilibrio, a coordinación, a forza, a elasticidade, a mobilidade e a axilidade, polo que se converten en verdadeiros ximnasios urbanos.
A súa localización nas zona verde saca proveito da contorna vexetal para o acondicionamento físico ao aire libre, combinando a práctica deportiva, exercicios de rehabilitación e mantemento da saúde, co lecer nunha contorna saudable.
A práctica regular de exercicio serve para alcanzar un obxectivo físico, reducir o risco de enfermidades e conseguir o benestar psicolóxico. Estas vantaxes aumentan ao adestrar nun espazo libre, xa que proporciona a sensación de liberdade e desconexión, aumenta a implicación e o compromiso coa actividade física mentres que diminúen os niveis de tensión, depresión ou estres dos individuos.
As actividades físicas implican un aumento do ritmo cardíaco e da respiración, xa que o organismo consume grandes cantidades de osíxeno. A osixenación do organismo cando se fai exercicio ao aire libre é maior que en espazos pechados, e a paisaxe natural axuda a liberar máis estres acumulado que ao realizalo nun entorno rutineiro.
Os elementos ximnásticos están realizados en madeira e metal e están formados por barras e plataformas que permiten realizar diferentes exercicios, utilizando o peso do noso propio corpo para traballar. Segundo o sentido do percorrido, os elementos que iremos atopando son os seguintes:
- Bancadas de abdominais para dous.
- Barras de flexión.
- Barra de equilibrio.
- Barras paralelas.
- Barra fixa para un.
- Postes de extensións.
- Escada en suspensión.
- Barras de salto.
Para o uso estes aparatos de exercicios é necesario uns coñecementos mínimos de anatomía e educación física, así como a realización de movementos para o quecemento cos que preparar os músculos para o esforzo, evitando con isto as lesións.
Data de instalación
2008