.jpg)
Parroquia
Villestro
Tipoloxía
Centro de interpretación
Historia
A antiga escola unitaria de Villestro era unha das moitas existentes no rural galego hai varias décadas, reflexando a vida propia nas unidades de poboación das parroquias, que entón eran as máis importantes social e administrativamente.
Estas parroquias foron, pouco a pouco, sendo despoxadas da súa organización e estrutura, cando os mestres deixaron de vivir na mesma parroquia, os curas escasearon, e as escolas pasaron a ser grupos escolares xeralmente na capitalidade do concello para optimizar os recursos e estruturar a formación dos alumnos. Os habitantes do rural emigraron aos pobos veciños, á capital da provincia, ás zonas máis desenvolvidas do Estado ou ao estranxeiro, co consecuente despoboamento do rural.
Mantivéronse determinadas escolas unitarias, ben para educación preescolar, ben porque a entidade do núcleo permitía ou esixía esa individualidade, mais foron desaparecendo pola diminución da matrícula ao reducirse a poboación.
Destacar que as escolas unitarias deron a oportunidade de alfabetizar a todo o mundo na mesma parroquia de residencia, quedando na memoria de moitas xeracións educadas neste modelo propio da educación galega.
Descrición
O Centro de Interpretación de Villestro (CIVI), froito do traballo dos alumnos do obradoiro de emprego Ecotur Santiago no ano 2015, é un espazo concibido para achegar á cidadanía a riqueza arqueolóxica, natural e histórica da parroquia de Villestro, situada no Val de Roxos, etapa inicial do Camiño de Santiago a Fisterra.
Está emprazado na reformada escola unitaria de Villestro, construída nos anos setenta do século pasado, de planta rectangular e que ocupa unha parcela de 4.500 m2. Trátase dun edificio cunha superficie de 260 m2 dividido en dous andares. O andar baixo presenta á súa vez unha división en 2 pequenas salas situadas cada unha a ambos os dous lados da entrada, situándose a recepción na sala da esquerda. O andar alto é un espazo aberto e diáfano, adaptable para calquera tipo de actividade expositiva e didáctica. O centro conta tamén con ascensor e todos os accesos están pensados para facilitar a eliminación das barreiras arquitectónicas.
O CIVI conta cun horario de visitas dirixido ao publico en xeral e moi especialmente aos camiñantes que se dirixan a Fisterra. Ofrécese unha programación de exposicións tanto temporais coma permanentes, sendo a temática principal a arte rupestre.