
Zona verde
Praza de Galicia
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Cornus florida L.
Nome común en galego
Cornexo
Nome común en castelán
Cornejo florido o cornejo americano
Características
Entre a vexetación da Praza de Galicia podemos atopar dous exemplares de cornexos, mais pola súa posición exenta destaca este exemplar, nun pequeno macizo situado a carón do peche do parque infantil.
Orixe e distribución
Orixinario do leste de Estados Unidos, onde meda acompañada por carballos, pradairos e faias. Na actualidade está presente en practicamente todo o país, dende o Pacífico até o Atlántico, agás áreas puntuais moi encharcadas como Nova Orleans.
Medra a pleno sol ou en zonas de media sombra. Os arbustos en sombra serán menos densos, medran máis rápido e máis altos, mais teñen peor floración e cor outonal. Gústanlle os solos ben drenados, ácidos ou lixeiramente alcalinos.
Descrición
Arbusto caducifolio de crecemento lento. A copa redondeada que presenta cando a planta é nova tende a alterarse ao medar, xa que as pólas caen cara abaixo mentres medre, e soe presentar múltiples troncos.
Follas opostas, simples, de forma ovada e coa marxe enteira, de cor verde no verán e vermella no outono, antes da caída. As pequenas flores amarelas están inseridas en catro brácteas de cor branca ou rosada dependendo da variedade, dando lugar a pequenos froitos redondos de cor vermella e persistentes no arbusto.
Así como as flores do Cornus alba e Cornus sanguinea non son relevantes dende o punto de vista ornamental, no caso do seu parente Cornus florida resultan de gran interese, xa que presentan unha floración amarela verdosa con brácteas de cor branca, agás nalgúns cultivares como o Rainbow ou Rubra que son rosadas.
Etimoloxía
O nome científico dos cornexos procede do latín cornu, que significa corno, e fai referencia á súa madeira, moi densa e resistente. O epíteto específico ven da palabra latina flos (flor), en referencia ás súas fermosas flores primaverais.
Usos
Cultivada polo seu alto valor ornamental nos xardíns, posto que presenta diferentes matices en cada unha das estacións: a vistosa floración primaveral, follaxe estival, froitos outonais de cor vermella brillante que atraen aos paxaros e follas que tornan vermellas antes de caer, descubrindo a fermosa cortiza e a silueta das pólas no inverno, cheas cos botóns das futuras flores.
Os nativos americanos utilizaban diferentes partes deste arbusto como un febrífugo, incluso contra a malaria, contra dores de cabeza e diarreas. Empregábase para elaborar pigmento escarlata co que tinguir tecidos e as pólas servían como cepillo de dentes. Tamén era un indicador biolóxico para os nativos americanos, xa que cando o cornexo florecía, comezaban a plantar o millo.
Posúe unha madeira marcadamente sólida e dura que foi moi utilizada para as ferramentas de trillar ou na elaboración de mangos e asas doutros utensilios de labranza e culleres de cociña. Tamén aparece na cabeza dos paus de golf.
Existe unha lenda que di que os cornexos eran árbores moi altas empregadas para carpintería, mais cando a súa madeira foi empregada para elaborar a cruz do Calvario, Xesucristo prometeu que a árbore nunca máis medraría o suficiente para poder ser empregada para tal propósito. Aínda así, as pólas aínda se dispoñen conservando a forma da cruz e as follas tornan vermellas no outono como o sangue de Cristo.