mainimg
Código: AM025
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

A aparición das grandes cidades dentro do fenómeno urbano experimentado tras a Revolución Industrial, deu lugar á creación de grandes infraestruturas de habitación humana que alteran a paisaxe natural, producindo ademais un illamento da contorna. Fronte a esta situación créanse os espazos verdes urbanos e periurbanos, conectados entre si para garantir a transición entre o medio urbano e a contorna rural.

As cidades do século XIX eran insalubres, desordenadas e carentes de servizos. Esta falta de calidade ambiental motivada polos procesos industriais, sumada ao incremento da poboación cidadá, orixina a aparición de novos modelos urbanísticos nos que se empregan masas de vexetación para paliar esta problemática. Exemplo disto é a Cidade Xardín ou Garden City de Ebenezer Howard, creada en Inglaterra no 1902.

Estas novas cidades incorporan masas de vexetación dentro da súa trama urbana, que se unirán por medio de conexións xerando unha rede de zonas verdes continua e interconectada. As áreas verdes pasan de ter unha función simplemente depurativa da atmosfera, para transformarse nun elemento de vertebración e organizador da mobilidade, con funcións de recreo, circulación e habitabilidade.

Xeralmente denomínase corredor verde ecolóxico a unha franxa de territorio que permite poñer en contacto dúas áreas naturais desvinculadas, o que contribúe á viabilidade dos ecosistemas. No ámbito urbano os corredores verdes realizan unha función similar, unindo diferentes espazos verdes mediante franxas, con presenza dominante de vexetación e uso exclusivo ou prioritario de peóns e bicicletas.

Descrición

As obras de mellora da mobilidade na zona da Almáciga supuxeron a incorporación de superficie de zonas verdes ao barrio. Este proxecto de mellora da accesibilidade levou a cabo unha intervención que contemplou actuacións en catro ámbitos fundamentais: as rúas dos Basquiños e da Pastoriza, un corredor verde urbano entre os parques do Monte da Almáciga e San Domingos de Bonaval, a rúa do Escultor Asorey e a rúa da Caramoniña. Estas actuacións tiveron como obxectivo xeral a supresión das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos. Estes proxectos formaron parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O corredor verde urbano é un espazo natural que une o Parque do Monte da Almáciga co Parque de San Domingos de Bonaval. Como localización mais idónea para este proxecto escolleuse unha franxa de terreo que se desenvolve entre o CEIP Santiago Apóstolo e as traseiras da fincas da rúa de Teo, situadas na ladeira suroeste do Monte da Almáciga.

O corredor verde urbano permitiu a incorporación aos equipamentos verdes da cidade dunha zona de preto de 7.000 metros cadrados. Neste espazo mantívose o uso tradicional agrícola coa implantación dunha zona de hortas urbanas municipais, e o resto do espazo constitúese como parque urbano. Combina o arboredo preexistente con outras especies de nova plantación. Entre as árbores xa existentes na zona, de maior porte, están o pradairo, o carballo americano, o lamagueiro, a abeleira ou o ameneiro. Incorporáronse novas especies coa plantación de érbedos, faias, carballos, castiñeiros, bidueiros e freixos.

En resumo, o Corredor Verde Urbano da Almáciga supón a mellora dos seguintes aspectos:

- Serve de conexión entre o Parque do Monte da Almáciga e o Parque de San Domingos de Bonaval, así como entre a parte traseira e a dianteira do CEIP Santiago Apóstolo.

- Mellora as condicións paisaxísticas e proporciona novas zonas verdes urbanas que contribúen á mellora da calidade de vida da veciñanza.

- Potencia as redes de mobilidade alternativa entre esta zona e a súa contorna, mitigando o illamento físico do Parque do Monte da Almáciga co resto da cidade.

- Englóbase dentro do percorrido peonil que enlazan as distintas zonas verdes da cidade, proporcionando a máxima accesibilidade e mobilidade aos peóns que utilicen estes percorridos.

- Amplía a contorna do Parque do Monte da Almáciga, mellorando a súa imaxe e facilitando o seu acceso.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)