
Parroquia
San Xoán de Fecha
Tipoloxía
Cruceiro
Historia
Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Un cruceiro é un monumento de pedra formado por una plataforma con gradas, un pedestal sobre o que vai unha columna e está coroado por unha cruz na que, na maioría dos casos, por un dos seus lados está gravada a imaxe de Cristo na cruz e no outro aparece a Virxe.
É difícil saber como aparecen os primeiros cruceiros. A súa orixe vincúlanse cos miliarios romanos e as cruces dos peregrinos. Os cruceiros galegos máis antigos que se conservan son o de Melide, do século XIV, e o do Home Santo situado na porta do Camiño, do século XV. Son relativamente abundantes os cruceiros góticos dos séculos XV e XVI, aínda que o único elemento orixinal que se conserva deles é a cruz.
A finais do século XVI nace o cruceiro barroco, cunha gran expansión polo rural debido á repercusión do Concilio de Trento. Na iconografía destes monumentos pasa a ter máis protagonismo o tema da morte, polo que Xesucristo se representa nun estado de gran agonía ao igual que a Virxe do reverso. O período de maior auxe dos cruceiros no rural galego terá lugar no século XIX e no primeiro terzo do XX, debido ao crecemento económico motivado pola chegada do capital da emigración e o aumento da devoción popular.
O estudo dos cruceiros está unido á figura de Castelao, quen dedicou gran parte da súa vida a investigar e escribir sobre os cruceiros galegos en comparación cos da Bretaña, cos que atopou grandes similitudes.
Descrición
O cruceiro do tipo de cruz, que se ergue sobre unha plataforma de tres grandes chanzos cuadrangulares e unha base que serve de apoio ao varal. Este comeza cadrado e tórnase octogonal. Remata en aresta voada que da paso a un capitel moldeado do que arrinca unha sinxela cruz, co seu corpo de forma cilíndrica. O conxunto de igrexa e cruceiro teñen a particularidade de alzarse sobre o que fora a mota altomedieval do Lamascal, e que se nivelou na década dos 70 do pasado século para construír a casa parroquial e o campo da festa.