mainimg
Código: VA040
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Cruceiro

Cronoloxía

1952

Autor

Fracisco Asorey

Historia

Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Un cruceiro é un monumento de pedra formado por una plataforma con gradas, un pedestal sobre o que vai unha columna e está coroado por unha cruz na que, na maioría dos casos, por un dos seus lados está gravada a imaxe de Cristo na cruz e no outro aparece a Virxe.

É difícil saber como aparecen os primeiros cruceiros. A súa orixe vincúlanse cos miliarios romanos e as cruces dos peregrinos. Os cruceiros galegos máis antigos que se conservan son o de Melide, do século XIV, e o do Home Santo situado na porta do Camiño, do século XV. Son relativamente abundantes os cruceiros góticos dos séculos XV e XVI, aínda que o único elemento orixinal que se conserva deles é a cruz.

A finais do século XVI nace o cruceiro barroco, cunha gran expansión polo rural debido á repercusión do Concilio de Trento. Na iconografía destes monumentos pasa a ter máis protagonismo o tema da morte, polo que Xesucristo se representa nun estado de gran agonía ao igual que a Virxe do reverso. O período de maior auxe dos cruceiros no rural galego terá lugar no século XIX e no primeiro terzo do XX, debido ao crecemento económico motivado pola chegada do capital da emigración e o aumento da devoción popular.

O estudo dos cruceiros está unido á figura de Castelao, quen dedicou gran parte da súa vida a investigar e escribir sobre os cruceiros galegos en comparación cos da Bretaña, cos que atopou grandes similitudes.

Descrición

Normalmente os cruceiros galegos son obras anónimas, feitas por canteiros en pedra de granito por encargo dalgún doante como exvoto ou como ofrenda dunha familia, mais neste caso convértese nun elemento de prestixio social. O cruceiro da Finca dos Simeón foi un regalo de aniversario, como di a inscrición que porta nunha das caras da base do fuste, que ten gravada a seguinte lenda: DEDICADO POR LAS CASAS SIMEÓN GARCÍA Y ISABEL GARCÍA BLANCO EN EL LXXX ANIVERSARIO DE SU NACIMIENTO.

O cruceiro dos Simeón responde á tipoloxía habitual de cruceiro galego, xa que está realizado en granito e consta de:

- Plataforma gradada con tres chanzos de planta cuadrangular.

- Base ou calvario monolítico, de forma prismática na parte inferior e unha moldura superior achafranada que lle da un aspecto troncopiramidal. Non presenta ningún motivo ornamental nin inscrición.

- Fuste de sección cuadrangular, rectangular de arestas vivas na base, creando unha especie de imoscapo onde aparece a inscrición e a data. Ten os bordos redondeados no corpo superior e acanaladuras ornamentais que lle dan aspecto de piar composto.

- Sinxelo capitel corintio, na típica imitación das ordes clásicas dos cruceiros galegos.

- Cruz latina de sección cuadrangular na parte superior, coa inscrición de INRI gravada na cabeceira da estipe ou brazo vertical da cruz.

O dos Simeón é un cruceiro realizado a mediados do século XX, cando existían principalmente dous tipoloxías de cruceiros: aqueles que manifestaban a pervivencia de formas e motivos renacentistas e barrocos, profusamente decorados; e outros que, coma este, estaban vinculados coas formas neoclásicas nas que predominan as molduras e formas simples e lisas, capiteis de ordes clásicos e predominio das bases cúbicas ou rectangulares.

En canto á iconografía, os cruceiros xeralmente constan co Xesucristo crucificado, con tres cravos, a cabeza inclinada á dereita e os pés sobre unha peaña ou unha caveira, e no outro lado da cruz aparece a Virxe, que pode estar en actitude gozosa (a Virxe co neno Xesús, a Inmaculada, a Coroación da Virxe...) ou dolorosa (Virxe das Angustias, a Dolorosa ou a Piedade).

No caso do cruceiro dos Simeón, nunha das caras aparece Xesucristo crucificado con catro cravos, coroa de espiñas, pano de pureza e a cabeza lixeiramente ladeada á dereita, nunha composición serena, manifestación da súa aceptación da morte bastante diferente do modelo habitual, onde o Xesucristo mostra un maior estado de agonía, mostrado na tensión do corpo mediante o uso de só tres cravos na crucifixión e unha maior inclinación da cabeza.

No reverso da cruz represéntase unha visitación, onde aparece representada a visita realizada pola Virxe María embarazada de Xesús á súa parente Isabel, embarazada á súa vez de Xoán Bautista, nun pasaxe descrito no Evanxeo de San Lucas. Esta é unha escena inusual nos cruceiros tradicionais, onde soen representarse outras escenas relacionadas coa Virxe.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)