Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Cruceiro
Historia
Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Un cruceiro é un monumento de pedra formado por una plataforma con gradas, un pedestal sobre o que vai unha columna e está coroado por unha cruz na que, na maioría dos casos, por un dos seus lados está gravada a imaxe de Cristo na cruz e no outro aparece a Virxe.
É difícil saber como aparecen os primeiros cruceiros. A súa orixe vincúlanse cos miliarios romanos e as cruces dos peregrinos. Os cruceiros galegos máis antigos que se conservan son o de Melide, do século XIV, e o do Home Santo situado na porta do Camiño, do século XV. Son relativamente abundantes os cruceiros góticos dos séculos XV e XVI, aínda que o único elemento orixinal que se conserva deles é a cruz.
A finais do século XVI nace o cruceiro barroco, cunha gran expansión polo rural debido á repercusión do Concilio de Trento. Na iconografía destes monumentos pasa a ter máis protagonismo o tema da morte, polo que Xesucristo se representa nun estado de gran agonía ao igual que a Virxe do reverso. O período de maior auxe dos cruceiros no rural galego terá lugar no século XIX e no primeiro terzo do XX, debido ao crecemento económico motivado pola chegada do capital da emigración e o aumento da devoción popular.
O estudo dos cruceiros está unido á figura de Castelao, quen dedicou gran parte da súa vida a investigar e escribir sobre os cruceiros galegos en comparación cos da Bretaña, cos que atopou grandes similitudes.
Descrición
Cruceiro de tipo crucifixo, con plataforma cuadrangular con tres chanzos e un pedestal, tamén cuadrangulares, de dous corpos moi moldeados e cunha grande escocia. O varal é octogonal e pola zona do pedestal cuadrangular e cadrado. Presenta un capitel cúbico con astrágalo circular liso e ábaco de lados rectos. Ademais, ten volutas, cunchas e querubíns. A cruz gótica con remates de forma potenciada.
Polo anverso da cruz presenta a Cristo crucificado con tres cravos e as mans abertas, inclinando a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas. O pano de pureza anoado diante, con dosel, e ós pés o Apóstolo Santiago e os seus discípulos San Teodoro e San Atanasio, ademais da Virxe e San Xoán. Polo reverso da cruz presenta á Virxe co neno, con dosel e imaxes de San Pedro e San Paulo ós lados. A Dolorosa e dous anxos fican ós seus pés. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.