mainimg
Código: PR136
-
Patrimonio
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Cruceiro

Cronoloxía

1718

Historia

Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Un cruceiro é un monumento de pedra formado por una plataforma con gradas, un pedestal sobre o que vai unha columna e está coroado por unha cruz na que, na maioría dos casos, por un dos seus lados está gravada a imaxe de Cristo na cruz e no outro aparece a Virxe.

É difícil saber como aparecen os primeiros cruceiros. A súa orixe vincúlanse cos miliarios romanos e as cruces dos peregrinos. Os cruceiros galegos máis antigos que se conservan son o de Melide, do século XIV, e o do Home Santo situado na porta do Camiño, do século XV. Son relativamente abundantes os cruceiros góticos dos séculos XV e XVI, aínda que o único elemento orixinal que se conserva deles é a cruz.

A finais do século XVI nace o cruceiro barroco, cunha gran expansión polo rural debido á repercusión do Concilio de Trento. Na iconografía destes monumentos pasa a ter máis protagonismo o tema da morte, polo que Xesucristo se representa nun estado de gran agonía ao igual que a Virxe do reverso. O período de maior auxe dos cruceiros no rural galego terá lugar no século XIX e no primeiro terzo do XX, debido ao crecemento económico motivado pola chegada do capital da emigración e o aumento da devoción popular.

O estudo dos cruceiros está unido á figura de Castelao, quen dedicou gran parte da súa vida a investigar e escribir sobre os cruceiros galegos en comparación cos da Bretaña, cos que atopou grandes similitudes.

Descrición

As orixes desta cruz de pedra están nos comezos do século XVIII. Manuel Joseph Ramírez de Arellano y Sotomayor era fillo dunha familia fidalga. Segundo se recolle na tradición e nalgúns documentos da época, Ramírez de Arellano achegouse ás leiras que conformaban daquela as terras de Conxo, e alí segundo algunhas fontes, bateuse en duelo e morreu no enfrontamento e noutras foi atacado por uns homes emboscados na noite que o mataron.

A súa nai, Isabel de Sotomayor, pagou a creación dun cruceiro do tipo de crucifixo, e a súa colocación no mesmo lugar da morte do fillo, no que hoxe coñecemos como Agros de Ramírez, no ensanche compostelán. Naquela época os canteiros gravaban as inscricións como cadraba, e no que encargou dona Isabel, esta práctica deu lugar a un feito cando menos curioso. O pedestal levaba unha inscrición que dicía “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLANO RVEGUEN A DIOS POR EL AÑO DE 1718”, mais os canteiros separaron a última sílaba de Arellano que pasou á outra liña, resultando que a inscrición viña dicir “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLA NO RVEGUEN A DIOS POR EL AÑO DE 1718”.

Esta confusión fixo que durante moito tempo se considerase este cruceiro como maldito, até que o aclarou o historiador Pablo Pérez Constanti ao revelar que o apelido do finado era Ramírez de Arellano. A partir de aí comezan as vicisitudes deste monumento relixioso.

No século XIX este cruceiro estaba situado na rúa de Matacáns, que ademais se indicaba como o lugar do infortunio que lle custou a vida a Ramírez de Arellano. Despois foi movido á Praza de Fonseca. O motivo foron as obras de construción do ensanche compostelán. De Fonseca pasou a San Fiz de Solovio, na zona do Mercado de Abastos, onde hoxe continúa. A inscrición está moi gastada e xa non se le. Rosalía de Castro escribiu un poema sobre este cruceiro incluída no capítulo IV de Follas Novas.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)