Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Cruceiro
Cronoloxía
1679
Historia
Este emprazamento é relativamente recente (século XIX), froito das modificacións da contorna do Carme-Bar-San Lourenzo no século XIX. Antes estaba preto da ponte do Arcebispo e situábase no alto dunha escalinata, o que lle confería unha certa teatralidade. Foi obxecto de fonda devoción popular que o adornaba con flores, ofrendaba exvotos e espigas e mantiña acendido o farol que o alumaba día e noite, mesmo tiña unha festa anual.
Este é un dos moitos cruceiros barrocos que hai na cidade; predominan sobre todo no que antes foron arrabaldes pois eran moi frecuentes nas encrucilladas. Pola contra, no rural agromaron nos séculos XIX e XX, cando a mellora do nivel de vida permitiu estes investimentos.
A historia dos cruceiros galegos está inevitablemente unida á figura de Castelao, que investigou e estudou estes elementos da nosa tradición.
Descrición
Esta fermosa cruz é a proba da devoción da parella formada por Domingos de Bar e a súa muller Elvira Eixo. É unha peza que presenta as características básicas dos cruceiros barrocos; aséntase sobre unha base con gradas, vaise alzando cun fuste cadrado e remata cunha cruz na que están presentes o crucificado e a Virxe.
Xesús está figurado coa coroa de espiñas e cun aceno que expresa a súa dor; do outro lado da cruz, está a súa nai que está acompañada polo neno, aludindo á promesa de redención que implica a vida de Xesús.
Ten no pé unha inscrición: Este crucero lo mando hacer Domingos de Bar y su mujer Elvira Ejo por su devocion. 1679