
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Cruceiro
Historia
Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Un cruceiro é un monumento de pedra formado por una plataforma con gradas, un pedestal sobre o que vai unha columna e está coroado por unha cruz na que, na maioría dos casos, por un dos seus lados está gravada a imaxe de Cristo na cruz e no outro aparece a Virxe.
É difícil saber como aparecen os primeiros cruceiros. A súa orixe vincúlanse cos miliarios romanos e as cruces dos peregrinos. Os cruceiros galegos máis antigos que se conservan son o de Melide, do século XIV, e o do Home Santo situado na porta do Camiño, do século XV. Son relativamente abundantes os cruceiros góticos dos séculos XV e XVI, aínda que o único elemento orixinal que se conserva deles é a cruz.
A finais do século XVI nace o cruceiro barroco, cunha gran expansión polo rural debido á repercusión do Concilio de Trento. Na iconografía destes monumentos pasa a ter máis protagonismo o tema da morte, polo que Xesucristo se representa nun estado de gran agonía ao igual que a Virxe do reverso. O período de maior auxe dos cruceiros no rural galego terá lugar no século XIX e no primeiro terzo do XX, debido ao crecemento económico motivado pola chegada do capital da emigración e o aumento da devoción popular.
O estudo dos cruceiros está unido á figura de Castelao, quen dedicou gran parte da súa vida a investigar e escribir sobre os cruceiros galegos en comparación cos da Bretaña, cos que atopou grandes similitudes.
Descrición
Tamén coñecido como o Cruceiro da Costa Nova. É do tipo de crucifixo, con plataforma cuadrangular de dous chanzos e pedestal cuadrangular con chafráns. Na cara do reverso, presenta unha placa de aceiro que di: “RETORNO DO CRUCEIRO DA COSTA NOVA NO DIA 1 DE XULLO DE 2001. CONCELLO DE SANTIAGO”. O varal é octogonal soportando un capitel moi moldeado. A súa cruz é cuadrangular con lixeiro chafrán nos brazos. Pola parte do anverso presenta unha figura dun santo cun báculo na súa man dereita, que puidera ser Santiago Peregrino. Pola parte do reverso, fica a Piedade co Cristo no seus brazos e un pergamiño por riba da súa cabeza. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.