mainimg
Código: AA106
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Río Sarela: treito Carme de Abaixo-Ponte de Santo Domingo

Parroquia

San Paio

Información

Tipoloxía

Curtidoiro

Cronoloxía

1790

Historia

O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade chamada curtidoiros, tenerías ou pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos. Compostela, xunto con Allariz e Noia, foi un dos principais puntos de preparación da pel animal para as industrias do calzado, vestido e outros usos do coiro. O total de factorías da cidade chegou a ser de vinte e sete. Todas elas datan de finais do século XVIII e comezos do XIX. Cada unha delas coa súa historia de compras, vendas, traspasos e decadencia. Nas marxes dos ríos como o Sar e Sarela naceron, consolidáronse e colapsaron factorías que mantiveron as arcas composteláns durante o seu funcionamento.

Un grande empurrón aos curtidoiros en Compostela foi a aparición no ano 1779 do chamado “decreto de extranjería”, uns impostos ás importacións manufacturadas procedentes das provincias vascas cara Castela. A consecuencia foi que moitos industriais vascos escolleron instalarse en Santiago. Xunto a isto, a política da Ilustración en España, impulsou medidas económicas para o desenvolvemento das manufacturas como a Real Cédula de 1781, que concedía diferentes privilexios a todas os curtidoiros do reino.

Os curtidoiros en Compostela apuntan xa ao século XVI, cando os gremios de zapateiros e curtidores traballaban fóra dos límites da cidade polo mal cheiro desta actividade. As ordenanzas municipais obrigaron a localizaren as instalacións nas marxes do río Sarela maioritariamente.

A segunda metade do século XVIII trouxo as tenerías privadas ao xeito capitalista, o que suporía o paso dun sistema produtivo descentralizado de carácter artesanal e gremial, a un cada vez máis centrado, con un empresario propietario dunha ou varias fábricas que emprega asalariados libres. A da rúa das Trompas foi o primeiro curtidoiro industrial de Santiago que comeza a operar en 1783. O segundo foi foi o de Pontepedríña de Arriba, propiedade de Ignacio Calvo, empresario ferrolán. No ano 1790 Juán Espino abre outra na Ribeira de San Lourenzo.

Entre os anos 1790 e 1830 o coiro compostelán experimenta un aumento de produción e de exportación que fixeron de Santiago un referente no sector. O subministro da materia prima proviña en principio dos matadoiros locais, todos monopolizados polo consistorio ou a Igrexa. Logo, a apertura en 1765 do porto da Coruña para o comercio con América en réxime de monopolio, permite que os coiros cheguen tamén dende as colonias españolas no Río de la Plata. Sábese que ao porto da Coruña chegaba unha media de 24.000 coiros ao ano. Para este comercio americano eran necesarios contactos. No caso compostelán tres familias tiñan estes contactos: José de Andrés García, Manuel de la Riva e Ramón Pérez Santamarina.

Ao gran momento do coiro compostelán, tamén axudou a existencia dunha boa cantidade de casca ou tona de carballo e castiñeiro nos arredores de Santiago, aínda que ao aumentar o número de factorías o consumo e explotación da casca tivo que ampliarse fóra da cidade, e os carros con casca viñan practicamente de toda Galicia.

No ano 1841 os curtidoiros composteláns eran catorce e dábanlle emprego a 104 traballadores en total. A propiedade era familiar na maioría dos casos, sendo frecuentes os matrimonios entre as diferentes familias do sector. A herdanza pasaba de pais a fillos ou de sogros a xenros. Outra vía de acceso a esta industria, era o investimento de capital. Este procedemento pasaba primeiro polo arrendamento dunha tenería ou de muíños de casca. Logo podíase entrar nos organigramas das empresas a medida que os investimentos aumentaban. A achega de capital monetario viña de persoas cunha capacidade adquisitiva alta para o tempo no que viviron. Toda caste de funcionariado, xentes da Igrexa, fidalguía ou pequena burguesía e persoas dedicadas ao empréstito. Entre os mesmos industriais movían os seus cartos nun fluxo interno de retroalimentación.

A primeira dificultade coa que bateron os industriais composteláns ocorre xa no século XIX. Foi a caída na importación dos coiros indios, provocada pola independencia das colonias americanas. O segundo punto de inflexión foi a deflación económica debido á escaseza de moeda. Isto debíase a que España fabricaba moedas con maior cantidade de prata. Desta maneira, o goberno central tiraba máis rendemento coa exportación de moeda que coa súa posta en circulación no territorio nacional, o que dá como resultado a falta de moedas para as transaccións comerciais. Os industriais non podían cobrar e os compradores endebedáronse. Isto, xunto ao aumento das tenerías, trouxo consigo un aumento do stock e a caída dos prezos.

A fabricación do coiro galego tiña un lastre moi importante: a falta de interese na innovación por parte dos mesmos empresarios. Entre os motivos estaría o destino do produto elaborado en Galicia, artesáns sen necesidade de produto moi elaborado, mais esta liña de produción puido manterse a curto prazo. Tamén tivo importancia a baixa estima que se lle tiña socialmente a esta actividade debido aos cheiros e ás malas condicións de salubridade. E por último, e non menos importante, as liñas de crédito para as empresas, agora viñan da banca, que só apostaba polo empresariado máis seguro.

Todos este factores levan a que no século XX, aínda que cun pequeno crecemento entre os anos 1914 e 1936, vaian pechando as factorías. No 1036, o estoupido da Guerra Civil deixou a produción peleteira dividida. As tenerías galegas quedaron no bando sublevado mentres que as catalás, máis modernas, ficaron no terreo republicano. O consumo de coiro por parte do bando franquista trouxo un impulso ás decaídas fábricas galegas, mais todo acabou co conflito. En 1941 o número de factorías era de oito, e no ano 1955 pasaron a seis. O illamento internacional do réxime franquista obrigou a adoptar unha política autárquica no que respecta aos bens de consumo. Desta maneira houbo unha de estabilidade no sector, mais dende esas datas, 1955-1961, comeza a caída definitiva, pechando a última fábrica de Santiago na década dos sesenta do século XX.

Descrición

O curtidoiro acomodouse na aba meridional do Monte Pedroso, no treito medio do río Sarela, encaixado entre o Monte Pedroso e o Outeiro de Santa Susana.

A tenería da Ribeira de San Lourenzo conserva na actualidade os píos, a instalación do muíño de casca, canalizacións, e unha fasquía, que de non ser pola caída da totalidade da cuberta, sería a mesma dos seus últimos anos de traballo. As construcións que compoñían o curtidoiro agrúpanse en dous conxuntos próximos: a propia fábrica coa súa retícula de píos de pedra que se asenta ao carón do río, e outro, separado polo Camiño de Santiago a Fisterra, que se estende na plataforma superior, hoxe rehabilitado para uso residencial.

No ano de 1790, Antonio Espiño, comerciante santiagués, asociouse co comerciante pontevedrés Josef Antonio Boullosa para a adquisición dos terreos onde se construiría a tenería nese mesmo ano. O curtidoiro comeza a traballar nos seus primeiros anos de forma reducida e intermitente, até que en 1796 amplíase o subministro de casca e, polo tanto, medra a actividade do curtido, dedicándose como actividade complementaria á moenda de cereal.

En 1809, Espiño foi desterrado a Ceuta pola súa suposta colaboración na invasión francesa. O curtidoiro quedou arrendado a un comerciante catalán, Juan Cañellas, durante os cinco anos seguintes. Ao regreso de Espiño, na época do Trienio Constitucional, a tenería pasou unha época de esplendor que lle permitiu mercar a parte do seu socio Josef Boullosa e converterse no único propietario.

A finais da súa vida, en 1823 decide vender a fábrica a un comerciante catalán, que xa tivera outra tenería en Pontevedra, chamado Francisco Antonio Vilomara. Nesta nova etapa Vilomara, dedicado a outras actividades, decide constituír no 1824 unha sociedade con Martín Dartayet, mestre vasco-francés, na que ambos serían socios capitalistas e, ademais, este último encargaríase da dirección da fábrica.

No ano 1830 morre Vilomara, e durante os catro anos seguintes a fábrica chamarase “Viuda de Vilomara e hijos”. Despois do pasamento desta última en 1834, a fabrica será herdada polos descendentes da súa filla Francisca Vilomara Sotomayor, casada con Manuel Santaló Domenech, mais ao ser menores de idade, quedará como encargado da tenería este último. A partir de aquí, a fábrica será coñecida polo nome de Curtidoiro de Santaló, sendo un dos máis importantes da cidade.

Manuel e Francisco Santaló Vilomara herdan a fábrica do seu pai. Na década dos sesenta pasan unha serie de dificultades chegando a pechar durante uns anos por culpa dun importante roubo. Estes propietarios finaron sen descendencia algunha, polo que Ricardo Santaló Rubín e Bernardo Santaló Ituarte, fillos dos seus irmáns, pasan a ser os novos propietarios. Non tiñan interese polo negocio así que, no ano 1874, o cederon en arrendamento durante dez anos a José Carlos Vilas Patiño, empresario compostelán.

Finalmente, venderon a fábrica a Santiago Harguindey Broussain no 1886. A finais do século XIX, co novo propietario, membro da familia que controlaba a maior parte do negocio do curtido na cidade, a fábrica ampliou os seus mercados no centro e no sur de España.

Trala Primeira Guerra Mundial, comeza unha época de decadencia, até a paralización a finais dos anos vinte. Nesta época, a familia Vázquez Bugallo era a propietaria e durante a Guerra Civil, coa demanda de cintos, botas e demais enseres, consegue que a fábrica volva a funcionar.

Nos últimos anos da tenería, estivo arrendada a Ladislao Pérez Llano, quen estableceu un obradoiro de construción de calzado ao carón da fábrica de curtidos. Ambos negocios estiveron en funcionamento até o seu abandono en 1959.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)