mainimg
Código: AA107
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Río Sarela: treito O Romaño-Ponte do Asén

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Curtidoiro

Cronoloxía

1784

Historia

O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade chamada curtidoiros, tenerías ou pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos. Compostela, xunto con Allariz e Noia, foi un dos principais puntos de preparación da pel animal para as industrias do calzado, vestido e outros usos do coiro. O total de factorías da cidade chegou a ser de vinte e sete. Todas elas datan de finais do século XVIII e comezos do XIX. Cada unha delas coa súa historia de compras, vendas, traspasos e decadencia. Nas marxes dos ríos como o Sar e Sarela naceron, consolidáronse e colapsaron factorías que mantiveron as arcas composteláns durante o seu funcionamento.

Un grande empurrón aos curtidoiros en Compostela foi a aparición no ano 1779 do chamado “decreto de extranjería”, uns impostos ás importacións manufacturadas procedentes das provincias vascas cara Castela. A consecuencia foi que moitos industriais vascos escolleron instalarse en Santiago. Xunto a isto, a política da Ilustración en España, impulsou medidas económicas para o desenvolvemento das manufacturas como a Real Cédula de 1781, que concedía diferentes privilexios a todas os curtidoiros do reino.

Os curtidoiros en Compostela apuntan xa ao século XVI, cando os gremios de zapateiros e curtidores traballaban fóra dos límites da cidade polo mal cheiro desta actividade. As ordenanzas municipais obrigaron a localizaren as instalacións nas marxes do río Sarela maioritariamente.

A segunda metade do século XVIII trouxo as tenerías privadas ao xeito capitalista, o que suporía o paso dun sistema produtivo descentralizado de carácter artesanal e gremial, a un cada vez máis centrado, con un empresario propietario dunha ou varias fábricas que emprega asalariados libres. A da rúa das Trompas foi o primeiro curtidoiro industrial de Santiago que comeza a operar en 1783. O segundo foi foi o de Pontepedríña de Arriba, propiedade de Ignacio Calvo, empresario ferrolán. No ano 1790 Juán Espino abre outra na Ribeira de San Lourenzo.

Entre os anos 1790 e 1830 o coiro compostelán experimenta un aumento de produción e de exportación que fixeron de Santiago un referente no sector. O subministro da materia prima proviña en principio dos matadoiros locais, todos monopolizados polo consistorio ou a Igrexa. Logo, a apertura en 1765 do porto da Coruña para o comercio con América en réxime de monopolio, permite que os coiros cheguen tamén dende as colonias españolas no Río de la Plata. Sábese que ao porto da Coruña chegaba unha media de 24.000 coiros ao ano. Para este comercio americano eran necesarios contactos. No caso compostelán tres familias tiñan estes contactos: José de Andrés García, Manuel de la Riva e Ramón Pérez Santamarina.

Ao gran momento do coiro compostelán, tamén axudou a existencia dunha boa cantidade de casca ou tona de carballo e castiñeiro nos arredores de Santiago, aínda que ao aumentar o número de factorías o consumo e explotación da casca tivo que ampliarse fóra da cidade, e os carros con casca viñan practicamente de toda Galicia.

No ano 1841 os curtidoiros composteláns eran catorce e dábanlle emprego a 104 traballadores en total. A propiedade era familiar na maioría dos casos, sendo frecuentes os matrimonios entre as diferentes familias do sector. A herdanza pasaba de pais a fillos ou de sogros a xenros. Outra vía de acceso a esta industria, era o investimento de capital. Este procedemento pasaba primeiro polo arrendamento dunha tenería ou de muíños de casca. Logo podíase entrar nos organigramas das empresas a medida que os investimentos aumentaban. A achega de capital monetario viña de persoas cunha capacidade adquisitiva alta para o tempo no que viviron. Toda caste de funcionariado, xentes da Igrexa, fidalguía ou pequena burguesía e persoas dedicadas ao empréstito. Entre os mesmos industriais movían os seus cartos nun fluxo interno de retroalimentación.

A primeira dificultade coa que bateron os industriais composteláns ocorre xa no século XIX. Foi a caída na importación dos coiros indios, provocada pola independencia das colonias americanas. O segundo punto de inflexión foi a deflación económica debido á escaseza de moeda. Isto debíase a que España fabricaba moedas con maior cantidade de prata. Desta maneira, o goberno central tiraba máis rendemento coa exportación de moeda que coa súa posta en circulación no territorio nacional, o que dá como resultado a falta de moedas para as transaccións comerciais. Os industriais non podían cobrar e os compradores endebedáronse. Isto, xunto ao aumento das tenerías, trouxo consigo un aumento do stock e a caída dos prezos.

A fabricación do coiro galego tiña un lastre moi importante: a falta de interese na innovación por parte dos mesmos empresarios. Entre os motivos estaría o destino do produto elaborado en Galicia, artesáns sen necesidade de produto moi elaborado, mais esta liña de produción puido manterse a curto prazo. Tamén tivo importancia a baixa estima que se lle tiña socialmente a esta actividade debido aos cheiros e ás malas condicións de salubridade. E por último, e non menos importante, as liñas de crédito para as empresas, agora viñan da banca, que só apostaba polo empresariado máis seguro.

Todos este factores levan a que no século XX, aínda que cun pequeno crecemento entre os anos 1914 e 1936, vaian pechando as factorías. No 1036, o estoupido da Guerra Civil deixou a produción peleteira dividida. As tenerías galegas quedaron no bando sublevado mentres que as catalás, máis modernas, ficaron no terreo republicano. O consumo de coiro por parte do bando franquista trouxo un impulso ás decaídas fábricas galegas, mais todo acabou co conflito. En 1941 o número de factorías era de oito, e no ano 1955 pasaron a seis. O illamento internacional do réxime franquista obrigou a adoptar unha política autárquica no que respecta aos bens de consumo. Desta maneira houbo unha de estabilidade no sector, mais dende esas datas, 1955-1961, comeza a caída definitiva, pechando a última fábrica de Santiago na década dos sesenta do século XX.

Descrición

O curtidoiro, emprazado na ribeira do río Sarela, estaba composto por varias edificacións unidas formando unha especie de debuxo en L e un anexo formado por tres edificios. Accédese por unha ponte de pedra de dous ollos de cantería e pretil de ferro, precedido dun paseo de plátanos de sombra que comeza no Avío.

O Curtidoiro de Pontepedriña de Arriba ten un interese de seu como parte da historia da cidade de Santiago. Polo seu significado histórico, polo tamaño e número das súas instalacións e polo seu estado de conservación, o conxunto de Pontepedriña constitúe un elemento singular do patrimonio industrial de Galicia.

O primeiro edificio, situado no que sería o corpo alongado do L, na zona sur, tiña unha planta trapezoidal e estaba destinado a cociña. Ao seu carón situábase un edificio rectangular e moi alongado, dividido por unha medianeira, que albergaba 17 píos de asento e un de leiteira, detrás estaba a vivenda do garda. Contiguo ao edificio dos píos, colocada transversalmente, atopábase a vivenda principal e oficina de dous andares. O baixo estaba dividido en dous espazos: ao fondo o muíño de casca e na parte dianteira unha tenda, unha adega e un vestíbulo. No andar alto situábanse as habitacións, cociña e faiado. A continuación estaban o muíño de casca, a alisadora, e o almacén de casca, este último do mesmo tamaño que os outros dous xuntos, sendo todos os locais independentes. Rematando o lado máis longo, sitúase o almacén de casca usada. Transversalmente, debuxando a base do L, sitúase un edificio alongado de dous pisos que funciona no andar baixo como almacén de sola, e no alto como secadoiro. A continuación atópase a carpintería e por último, a cocheira. Ambos edificios eran das mesmas dimensións e con planta cuadrangular. Na explanada diante da residencia principal atopábase un depósito de auga con tanino e cara ao sur un piorno e un galiñeiro. Por último, as tres edificacións anexas: o secadoiro de carnaza que estaba comunicado interiormente co lavadoiro e os caleiros.

O Curtidoiro de Pontepedriña de Arriba foi construída polo ferrolán Ignacio Calvo Cárdenas, asociado en 1784 a tal fin co compostelán Manuel Abendaño, sendo por tanto, a segunda máis antiga da cidade, despois da dos xenoveses da corredoira das Trompas.

Contra 1783, os dous socios conseguiran a cesión da antiga tafona gremial do Picho da Cerca, que deste modo pasará a ser un pequeno establecemento privado no que farán algúns labores complementarios para a tenería do Romaño.

En 1791, o catalán Jaime Rius participará como socio e mestre da tenería de Pontepedriña, e pronto entrará a formar parte da fábrica un novo socio, o rioxano Manuel de la Riva Moreno. Coñecido por ser o mordomo do Cabido, ademais dun poderoso mercador de cidade, dedicábase á importación de coiros indios dende Río de la Plata. Con esta incorporación aumenta a produción, e no ano 1809 xa era dono dos dous terzos da fábrica. Coa morte do seu socio Ignacio Calvo, no 1819, converterase no único propietario.

Manuel de la Riva, falece anos despois, deixando todo en mans de “Viuda e hijos de Manuel de la Riva”, levando Luís de la Riva a dirección da fábrica. Estará a cargo da tenería dende 1832 até 1866, ano do seu pasamento. Esta será unha época de esplendor na que a fábrica formará parte do grupo empresarial máis forte da Galicia da época, e Luís de la Riva tamén estará ao cargo dos fornos de ferro e de cerámica de Sargadelos, e dun novo alto forno en Carril.

A finais da década dos sesenta, coa crise económica financeira de 1864-1866 e a reclamación de dous millóns de reás por parte do Cabido da Catedral, a fábrica ven a menos. Como pago das débedas, o Cabido pasa a ser o propietario das tres cuartas partes do curtidoiro. Nesta época o estado do mesmo é ruinoso, até que no ano 1885 José Carlos Vilas Patiño, que fora arrendatario do almacén de sal de Pontecesures e propietario do Curtidoiro dos Vilares, adquiriu o Curtidoiro de Pontepedriña de Arriba, mercándolla a Ana de la Riva e ao Cabido, facendo que funcionase de novo até 1918, ano do seu pasamento.

Un dos seus fillos, Arturo Vilas Molezún, fíxose cargo curtidoiro no período que vai da crise da primeira posguerra mundial á primeira época do franquismo. A partir de 1948 levará o control da mesma o seu sobriño José Fernández Vilas, de profesión avogado, quen manterase ao cargo da factoría até o seu peche definitivo no 1961.

No 2017 inaugúrase a rehabilitación do curtidoiro, o cal alberga o Centro de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación. Este destinarase de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción. As instalacións contribuirán a dinamizar a transformación que está a vivir o sector da rehabilitación, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, debe entenderse como unha ferramenta moi poderosa para impulsar a colaboración público-privada ao servizo da recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)