Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Curtidoiro
Cronoloxía
1808
Historia
O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade chamada curtidoiros, tenerías ou pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos. Compostela, xunto con Allariz e Noia, foi un dos principais puntos de preparación da pel animal para as industrias do calzado, vestido e outros usos do coiro. O total de factorías da cidade chegou a ser de vinte e sete. Todas elas datan de finais do século XVIII e comezos do XIX. Cada unha delas coa súa historia de compras, vendas, traspasos e decadencia. Nas marxes dos ríos como o Sar e Sarela naceron, consolidáronse e colapsaron factorías que mantiveron as arcas composteláns durante o seu funcionamento.
Un grande empurrón aos curtidoiros en Compostela foi a aparición no ano 1779 do chamado “decreto de extranjería”, uns impostos ás importacións manufacturadas procedentes das provincias vascas cara Castela. A consecuencia foi que moitos industriais vascos escolleron instalarse en Santiago. Xunto a isto, a política da Ilustración en España, impulsou medidas económicas para o desenvolvemento das manufacturas como a Real Cédula de 1781, que concedía diferentes privilexios a todas os curtidoiros do reino.
Os curtidoiros en Compostela apuntan xa ao século XVI, cando os gremios de zapateiros e curtidores traballaban fóra dos límites da cidade polo mal cheiro desta actividade. As ordenanzas municipais obrigaron a localizaren as instalacións nas marxes do río Sarela maioritariamente.
A segunda metade do século XVIII trouxo as tenerías privadas ao xeito capitalista, o que suporía o paso dun sistema produtivo descentralizado de carácter artesanal e gremial, a un cada vez máis centrado, con un empresario propietario dunha ou varias fábricas que emprega asalariados libres. A da rúa das Trompas foi o primeiro curtidoiro industrial de Santiago que comeza a operar en 1783. O segundo foi foi o de Pontepedríña de Arriba, propiedade de Ignacio Calvo, empresario ferrolán. No ano 1790 Juán Espino abre outra na Ribeira de San Lourenzo.
Entre os anos 1790 e 1830 o coiro compostelán experimenta un aumento de produción e de exportación que fixeron de Santiago un referente no sector. O subministro da materia prima proviña en principio dos matadoiros locais, todos monopolizados polo consistorio ou a Igrexa. Logo, a apertura en 1765 do porto da Coruña para o comercio con América en réxime de monopolio, permite que os coiros cheguen tamén dende as colonias españolas no Río de la Plata. Sábese que ao porto da Coruña chegaba unha media de 24.000 coiros ao ano. Para este comercio americano eran necesarios contactos. No caso compostelán tres familias tiñan estes contactos: José de Andrés García, Manuel de la Riva e Ramón Pérez Santamarina.
Ao gran momento do coiro compostelán, tamén axudou a existencia dunha boa cantidade de casca ou tona de carballo e castiñeiro nos arredores de Santiago, aínda que ao aumentar o número de factorías o consumo e explotación da casca tivo que ampliarse fóra da cidade, e os carros con casca viñan practicamente de toda Galicia.
No ano 1841 os curtidoiros composteláns eran catorce e dábanlle emprego a 104 traballadores en total. A propiedade era familiar na maioría dos casos, sendo frecuentes os matrimonios entre as diferentes familias do sector. A herdanza pasaba de pais a fillos ou de sogros a xenros. Outra vía de acceso a esta industria, era o investimento de capital. Este procedemento pasaba primeiro polo arrendamento dunha tenería ou de muíños de casca. Logo podíase entrar nos organigramas das empresas a medida que os investimentos aumentaban. A achega de capital monetario viña de persoas cunha capacidade adquisitiva alta para o tempo no que viviron. Toda caste de funcionariado, xentes da Igrexa, fidalguía ou pequena burguesía e persoas dedicadas ao empréstito. Entre os mesmos industriais movían os seus cartos nun fluxo interno de retroalimentación.
A primeira dificultade coa que bateron os industriais composteláns ocorre xa no século XIX. Foi a caída na importación dos coiros indios, provocada pola independencia das colonias americanas. O segundo punto de inflexión foi a deflación económica debido á escaseza de moeda. Isto debíase a que España fabricaba moedas con maior cantidade de prata. Desta maneira, o goberno central tiraba máis rendemento coa exportación de moeda que coa súa posta en circulación no territorio nacional, o que dá como resultado a falta de moedas para as transaccións comerciais. Os industriais non podían cobrar e os compradores endebedáronse. Isto, xunto ao aumento das tenerías, trouxo consigo un aumento do stock e a caída dos prezos.
A fabricación do coiro galego tiña un lastre moi importante: a falta de interese na innovación por parte dos mesmos empresarios. Entre os motivos estaría o destino do produto elaborado en Galicia, artesáns sen necesidade de produto moi elaborado, mais esta liña de produción puido manterse a curto prazo. Tamén tivo importancia a baixa estima que se lle tiña socialmente a esta actividade debido aos cheiros e ás malas condicións de salubridade. E por último, e non menos importante, as liñas de crédito para as empresas, agora viñan da banca, que só apostaba polo empresariado máis seguro.
Todos este factores levan a que no século XX, aínda que cun pequeno crecemento entre os anos 1914 e 1936, vaian pechando as factorías. No 1036, o estoupido da Guerra Civil deixou a produción peleteira dividida. As tenerías galegas quedaron no bando sublevado mentres que as catalás, máis modernas, ficaron no terreo republicano. O consumo de coiro por parte do bando franquista trouxo un impulso ás decaídas fábricas galegas, mais todo acabou co conflito. En 1941 o número de factorías era de oito, e no ano 1955 pasaron a seis. O illamento internacional do réxime franquista obrigou a adoptar unha política autárquica no que respecta aos bens de consumo. Desta maneira houbo unha de estabilidade no sector, mais dende esas datas, 1955-1961, comeza a caída definitiva, pechando a última fábrica de Santiago na década dos sesenta do século XX.
Descrición
Situada a beira do río Sarela, coñecido tamén como río dos Sapos, xusto en fronte ao Parque de Galeras e o antigo Hospital Xeral.
Juan Jaureguiberri estableceu no ano 1808 unha pequena construción situada no Campo do Espiño, na beira leste do río Sarela. Estaba formada por oito píos grandes e un lavadoiro de coiros. Pouco a pouco foi ampliando o negocio mercando algúns terreos lindeiros para así construír a que será o Curtidoiro do Campo do Espiño.
Unha vez posta en marcha o curtidoiro pronto comezan as débedas chegando a ter problemas de insolvencia, polo que no ano 1933 sae a poxa pública e adquirida pola casa comercial dedicada á importación de coiros americanos “Silverio Moreno e hijo”. Esta foi unha época dourada para a fábrica con importantes melloras das instalacións. Coa morte do pai, o seu fillo Silverio Moreno Rey continuará sen dificultades co negocio. No ano 1858 realízase a división da herdanza polo que Silverio e Manuel pagarán aos demais irmáns un aluguer pola uso da fábrica. A partir do ano 1863, a empresa chamarase “Manuel Pío Moreno y sobrino”, xa que este quedará ao cargo unha vez finado Silverio. Manterase así doce anos até a súa disolución cando co pasamento de Manuel Pío. Despois quedará baixo a dirección do fillo de Silverio, Manuel Moreno García Pan, durante case corenta anos até que 1911 deixou de funcionar. Uns cantos anos máis tarde foi vendida á familia compostelán dos Pombo quen a puxo en funcionamento na época da Guerra Civil. Unha vez acabada esta, no ano 1941 o noiés Guillermo Fernández Juanatey merca a fábrica, duplicando o número de píos e mellorando o acabado da sola con nova maquinaria. En 1949 decide dedicarse, xunto có seu irmán, á fabricación de gasosas creando para isto un establecemento a carón do curtidoiro. Catro anos despois, no 1953 pechan a fábrica de curtidos, que até non fai moito funcionou como almacén de cervexas Estrella Galicia.