mainimg
Código: AM026
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Depósito de auga

Cronoloxía

1922

Autor

Sociedade de Augas Potables de Santiago

Historia

Os primeiros datos da existencia dunha condución de augas tras o descubrimento do sepulcro do Apóstolo e a consecuente fundación da cidade no século IX, fan referencia á construción polo bispo Sisnando I (880-920) dun conduto de auga subterránea para abastecer o santo lugar, que se cede en 912 ao Mosteiro de San Martíño Pinario.

Cara o 960, Sisnando II reforza as defensas da cidade ante os temores dun ataque normando mediante unha muralla dotada de torres e un profundo foso cheo de auga, que coincidiría aproximadamente coa traza que ocupará a segunda muralla construída polo bispo Cresconio no século XI. Permanencias do sistema de abastecemento de auga deste foso poderían ser as fontes de San Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Roque, Costa Vella, San Fructuoso, Fonseca e Fuenterrabía.

No ano 1122 o Arcebispo Xelmírez manda construír un acueduto que conducise a auga á cidade dende as fontes de Vite, para atender as necesidades dos peregrinos. Esta auga, distribuída mediante unhas canles de pedra, barro ou madeira reforzados con ferro e chumbo, é propiedade do cabildo e do arcebispo de Santiago, e era obxecto dunha estudada regulación e repartición entre os distintos mosteiros, a cambio de colaboración no seu mantemento e reparación.

Desde os mananciais de Vite, na zona norte da cidade, a auga canalizada dirixíase cara a Igrexa de San Miguel dos Agros (que en época medieval denomínase San Miguel de Cisterna), seguían cara os agros de San Martiño Pinario e chegaban até a Catedral. Deste sistema de conducións abastecíanse as institucións relixiosas que se ían instalando na cidade, a través de acordos coa igrexa compostelá.

Xa no século XV e segundo a ordenanza municipal, era competencia do concello da cidade a conservación do sistema de augas dende a súa orixe en Vite até Porta da Pena. No interior da cidade, cada unha das institucións monásticas e a catedral ocuparíanse da reparación e mantemento das súas propias canalizacións.

A finais do século XVIII, coas transformacións do Antigo Réxime, os dirixentes locais ocúpanse das obras públicas, entre as que se atopan as continuas reparacións dos canos. Estas roturas obrigan á posta en marcha un novo sistema operativo para a traída de auga, que incluía diversos cambios no trazado existente con novos ramais para aumentar a distribución.

A finais de século XIX, introdúcense os canos de ferro para a mellora da calidade e cantidade da auga de abastecemento. E finalmente, en 1920 o concello convoca o concurso para a adxudicación da concesión do abastecemento de augas potables e a execución das obras de ampliación e mellora da rede de sumidoiros e saneamento da poboación, coa constitución da Sociedade de Augas Potables de Santiago.

Descrición

A carón do parque atópase unha das principais infraestruturas que fornecen de auga á cidade, o Depósito de Auga da Almáciga. Este colector almacena a auga dende 1922, converténdose no principal depósito da traída de auga moderna, proporcionando maior presión ao sistema de augas.

A palabra almáciga provén do árabe hispano almásqa, e este á súa vez do árabe clásico masq?h, que significa depósito de auga, polo que sería este elemento o que dá nome tanto ao parque como ao monte onde está situado.

O Depósito de Auga da Almáciga é memoria viva da transformación urbana de Compostela, xa que estas instalacións de carácter técnico e industrial supuxeron unha parte fundamental da memoria histórica da cidade. Lembran a importancia da auga corrente na nosa vida diaria e no desenvolvemento urbano de Compostela, sobre todo debido ás mudanzas que supuxo a chegada do subministro directo de auga ás vivendas.

A principios dos anos 20 do século pasado, a cidade de Santiago viviu unha importante transformación coa construción destes primeiros depósitos de auga na Almáciga, unha obra que foi peza chave para a mellora da calidade de vida na cidade e para o posterior desenvolvemento urbanístico da mesma. Estas instalacións recollían até 4.000 metros cúbicos de auga e alimentábase das augas dos mananciais de Brins.

Ao tempo que se construíu o depósito, dividido en dúas cámaras, construíse tamén un edificio anexo para albergar no andar baixo a cámara de chaves, e no andar alto as dependencias para o vixiante do depósito. Xa nos anos 60, co crecemento da cidade e o conseguinte aumento das necesidades de abastecemento, construíuse un deposito novo anexo, tamén dividido en dúas cámaras, que ampliou en 11.000 metros cúbicos a capacidade de almacenamento de auga potable procedente da Estación de Tratamento de Auga Potable do Tambre. O resultado final é unha estrutura de catro cámaras cunha capacidade de 15.000 metros cúbicos, que abastece á maior parte da cidade, dende o Ensanche até Fontiñas, pasando pola Cidade Histórica.

No ano 2000, case 80 anos despois da construción das primeiras cámaras, e 40 despois da súa ampliación, foron precisos traballos de rehabilitación das soleiras e os muros que se atopaban deteriorados polo seu envellecemento natural, agravado por unha atmosfera agresiva polo cloro contido na auga potable.

No 2008 realizouse unha rehabilitación integral do conxunto. Nestas obras restaurouse toda a cuberta, tanto no seu interior como no exterior. Realizáronse labores de limpeza, apontoado e impermeabilización na parte exterior da estrutura, mentres que a rehabilitación interior estivo vinculada ao reforzo das armaduras e revestimento. Estas obras permitiron resolver os problemas derivados das cubertas, que co peso da terra acumulada e coas frecuentes infiltracións de auga tíñanse agretado. Ademais, o uso dos cloruros no tratamento da auga tiñan acelerado a corrosión do armado do formigón.

O sistema de distribución de auga de Santiago de Compostela conta cos seguintes depósitos:

- Depósito de Vilares: 25.700 metros cúbicos.

- Depósito da Almáciga: 15.630 metros cúbicos.

- Depósito das Cancelas: 8.250 metros cúbicos.

- Depósito do Polígono: 7.750 metros cúbicos.

- Depósito do Monte do Gozo: 600 metros cúbicos.

Na zona que rodea a este depósito de auga podemos ver exemplares de alfaneiro chinés (Ligustrum lucidum), plátanos de paseo (Platanus x hispanica), alcipestres (Cupressus sempervirens), bidueiros (Betula alba) e abetos de Douglas (Pseudotsuga menziesii).

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)