mainimg
Código: AQ065
-
Patrimonio
Localización

Parroquia

Bando

Información

Tipoloxía

Túmulo megalítico

Cronoloxía

Idade do Bronce

Historia

O Neolítico foi unha etapa da protohistoria na que tivo lugar un cambio importante no modo de vida dos nosos antepasados, xa que comezou o cultivo da terra e a doma de animais que permitiría a transformación das comunidades nómades do Paleolítico dedicadas á caza e á recolleita. Grazas ao desenrolo da agricultura e a gandería, os poboadores neolíticos puideron asentarse para poder desenrolar a arquitectura na edificación de poboados e edificacións funerarias.

A etapa megalítica está representada polas construcións realizadas con grandes pedras, levantadas a partir do IV milenio a.C. Neste tipo de arquitectura megalítica destacan os monumentos funerarios en forma de túmulos chamados mámoas ou medoñas. Estas poden ter no seu interior unha construción de pedra denominada dolmen, forno, arca ou anta.

O dolmen é unha construción formada por varios ortostatos (cada unha das pezas líticas que compoñen o megálito) espetados no terreo co obxecto de formar un recinto pechado de forma circular ou poligonal, que se cobre por outra gran lousa posta sobre as anteriores, e cuxa finalidade era realizar soterramentos no seu interior. En Galicia os dólmens estaban sempre sepultados baixo unha morea de terra (mámoa ou medoña), a pesar de que na actualidade podemos visitar moitos que están desenterrados.

Estas estruturas son as primeiras manifestacións arquitectónicas conservadas en Galicia. Están espalladas por todo o territorio e, aínda que se conservan moitas delas, foron destruídas por centenares xa dende a época antiga. As lendas asociadas a estas construcións megalíticas foron, en boa medida, a súa principal causa de destrución, por crerse que nelas se agochaban fabulosos tesouros. Na realidade, os materiais que se poden atopar son enxovais funerarios constituídos basicamente por pezas cerámicas e líticas.

Segundo as diferentes tipoloxías de dolmens e dos materiais atopados nos seus enxovais, pódese establecer unha periodización e evolución:

- Os dolmens máis sinxelos son os poligonais, construídos arredor da metade do IV milenio a.C. Estes primeiros megálitos son construcións funerarias formadas por cámaras sinxelas que conteñen enxovais líticos formados fundamentalmente por microlitos, machados pulidos e doas de colar.

- Os dolmens con corredor desenvolvido representan o apoxeo do megalitismo galego, creados a mediados do III milenio a.C. Os seus enxovais funerarios conteñen machados pulidos, puntas de frecha e cerámicas decoradas. Son bastante frecuentes as decoracións pictóricas e os gravados nas pedras que forman o túmulo.

- As grandes cámaras rectangulares e as cistas marcan a fase final do megalitismo, cara os anos 2000 e 1800 a.C. Os enxovais conteñen utensilios pulidos de gran tamaño como mazas, ciceis ou aixadas. Nos derradeiros dolmens do Neolítico poden aparecer pequenos obxectos de cobre e ouro.

Descrición

A cámara contaba cun túmulo de terra e pedras hoxe desaparecido, circunstancia que non permite acreditar a existencia de estruturas integrada no mesmo (coiraza, aneis...).

Actualmente conserva 8 dos 9 esteos que a conformaron (o retirado acada unha lonxitude de 1,50 metros). A planta é de cámara poligonal, con tendencia lixeiramente elíptica.

O eixo lonxitudinal, orientado en dirección leste-sueste, acada na súa parte interior e no nivel da base da parte descuberta 1,85 metros, acadando o eixo transversal 1,55 metros. A altura da cámara no treito actualmente visible oscila entre 0,70 e 1,20 metros. Os ortostatos presentan unha acusada inclinación cara o interior, sendo empregado tanto o xisto (6 ortostatos fincados) como o granito (2 fincados e máis o retirado) na súa elaboración.

O seu estado actual é lamentable pois está inzado de maleza e no medio dunha plantación de eucaliptos feita no ano 2014, que non deixan velo e fan perigar a súa estrutura.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)