Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Cordyline australis (G. Forst.) Endl
Nome común en galego
Dracaena, cordiline, cordilina de Nova Zelandia ou drácena
Nome común en castelán
Drácena, falsa palmera, cordiline de Nueva Zelanda o árbol col
Características
Localizada no camiño de acceso á Casa Europa, ao carón do Cruceiro da Finca Simeón.
Orixe e distribución
É unha monocotiledónea endémica de Nova Zelandia, dende zonas pantanosas até montes sacudidos polo vento. Foi introducida en Europa no primeiro cuarto do século XIX.
Ten pouca tolerancia ao frío, mais a súa beleza e a facilidade do seu cultivo, facilitou que se distribuíse amplamente nos xardíns das zonas temperadas do planeta, principalmente no oeste de Europa e a costa occidental de no norte de América.
Descrición
Arboriña ou árbore perennifolia que medra até os 10 metros de altura, cun tronco único que logo ao medrar divídese nunha coroa formada por moitas pólas. A cortiza é grisácea, con fendas horizontais.
As follas teñen forma de espada, alongadas e estreitas, de entre 40 e 90 centímetros de lonxitude. Están dispostas en espiral e agrupadas a xeito de penacho na terminación das pólas.
As flores son de cor crema, pequenas e olorosas, aparecendo agrupadas en grandes inflorescencias de tipo panícula. Son tricarpelares e están constituídas como un tulipán. Aparecen no verán, entre xuño e xullo, desprendendo un intenso aroma. Os froitos son bagas globosas e pequenas, de cor branca, que maduran no outono con froitos carnosos de cor branca. Son un importante recurso para a pomba neocelandesa (Hemiphaga novaeseelandiae) e outros paxaros nativos.
Etimoloxía
Cordyline procede do vocábulo grego kordyle, maza ou garrote, aludindo ás súas raíces anchas e carnosas ou á forma do seu madeiro. Australis, provén do vocábulo latino meridional, facendo alusión ao lugar de procedencia das rexións antípodas.
En ocasións é chamada erroneamente palma de Cornualles, palma de Torbay ou palma de Manx nas Illas Británicas, debido ao seu uso extensivo en Torbay e a Riviera inglesa.
Usos
Moi empregada como árbore ornamental en parques e xardíns pola súa imaxe subtropical que recorda ao dunha palmeira. É unha boa planta de adorno para situala sobre unha pradaría, aínda que ten o inconveniente da súa caída de follas sobre o céspede, o que pode obviarse colocándoa nos bordos. Aínda que individualmente loce ben, o seu mellor efecto conségueo plantando varios exemplares xuntos.
Polo seu elevado contido en carbohidratos, os rizomas e o talo poden comerse logo de cocelos, polo que as dracaenas foron, xunto coas raíces dos fentos, unha importante fonte de alimento nos primeiros séculos da ocupación maorí de Nola Zelandia (a datación por radiocarbono indica o seu uso dende aproximadamente o ano 1.000 na península de Otago).
Os maoríes empregaban o tronco e as raíces para facer cordas, e coas follas tecían roupa e calzado, mentres os troncos ocos servían de cheminea nas casas. O zume da planta é bo contra as infeccións e con el os primeiros misioneiros facían cervexa. É un adozante de poucas calorías, e funciona como fonte de etanol para facer biocarburantes.