.jpg)
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escola de música
Cronoloxía
2003
Autor
Antón García-Abril
Historia
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) é un centro de educación musical creado baixo a competencia da Xunta de Galicia. A súa misión é a formación e o perfeccionamento dos futuros profesionais da música, así como a organización de actividades de divulgación musical. A EAEM organiza cursos de especialización instrumental e outros cursos dirixidos ás áreas de composición, música de cámara ou novos intérpretes, entre outros.
Está estreitamente vinculada á Real Filharmonía de Galicia (RFG), coa que forma un único proxecto. O seu profesorado está formado, practicamente na súa totalidade, polos principais e coprincipais da RFG, tendo os alumnos da EAEM a oportunidade de beneficiarse da experiencia e a profesionalidade de músicos en activo altamente cualificados.
Ademais, aquí se imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago de Compostela. O eixo vertebrador do curso son as prácticas orquestrais nos programas de abono da RFG e, así, da man dos seus músicos, os alumnos teñen a oportunidade de tocar con profesionais, adquirindo as habilidades, capacitacións e experiencias necesarias que lles facilite a integración nunha orquestra profesional.
Dende 2011, o Consorcio da Cidade de Santiago asume a responsabilidade de xestionar a EAEM, de maneira que orquestra e escola quedan unidas baixo unha mesma xestión e dirección.
Descrición
Construído segundo o proxecto do arquitecto madrileño Antón García-Abril, realizado entre 1999 e 2000. A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) e a Sede da SGAE teñen o mesmo autor, Antón García-Abril Ruíz. Isto faise patente ao observar as similitudes conceptuais existentes entre ámbolos dous edificios.
O responsable do proxecto técnico e da cantería foi Javier Cuesta e o promotor foi o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela. O edificio foi construído entre o 2000 e o 2003, e foi merecedor de importantes premios de arquitectura, como o Premio Menhir para a Arquitectura Europea Construída 2002, unha mención especial do Premio de Arquitectura Luigi Cosenza 2004 ou o International Award Architecture in Stone 2005.
O EAEM está situada sobre unha superficie de 479 m2, consiste nun volume pétreo de planta cadrada, en sintonía co bloque do edificio do Centro de Estudos Avanzados. Os requirimentos acústicos do programa determinaron o proceso do deseño, a organización espacial e a elección dos materiais que conforman o edificio.
A potente masa do bloque edificado baséase na simpleza volumétrica do corpo cúbico pétreo, evocando a pureza e harmonía dos materiais e das condicións espaciais do conxunto. Máis alá dos canons clásicos, o edificio pretende desenrolar conceptos arquitectónicos mediante a simple composición e xeometría das súas formas puras.
A fachada está construída seguindo a tradición secular da arquitectura galega, enteiramente recuberta con bloques de pedra de granito gris de Mondariz, que forman unha cortina homoxénea de rocha gris e dura, aberta só nuns poucos puntos con sutís incisións para crear vans simples e netos, presentes no lintel de entrada, as fiestras verticais e unha fendedura nunha das súas fachadas.
As placas de granito, de estrutura caracterizada por cristais de grandes dimensións, son plúmbeas e opacas cando están en sombra, prateadas e brillantes cando as baña a chuvia, e case metálicas se brilla o sol.
Ten as caras laterais e interiores lisas, e a cara exterior cun corte en bruto da canteira, coas fendas verticais e semicirculares que son o resultado do procedemento de extracción da pedra na canteira. Este consiste en facer buratos seguindo una liña recta, paralela á cara exterior do bloque, que se enchen con masilla expansiva que mediante una reacción química dilátase e acaba partindo a pedra. As fendas non se eliminan co pulido da pedra, senón que se deixan para dar un forte efecto visual, con irregularidades e inclinacións lixeiramente diversas.
A simpleza volumétrica do corpo cúbico ofrécese ao observador en diversos niveis perceptivos. Ao lonxe, o edificio parece un monolítico regular de pedra, pleno e pesado en continuidade co tapete verde do xardín que o rodea. A media distancia, destacan os paramentos ásperos do corpo lítico, que vibra con liñas quebradas e contrastes de claroscuro. Á distancia, a rotundidade da pedra mostra de cheo a forza das superficies rústicas e das arestas irregulares que definen as escalas construtivas do edificio.
O edificio consta dos seguintes usos: baixo rasante, onde se atopan os espazos que esixen as aulas máis amplas e as maiores necesidades acústicas, como o auditorio, a sala de cámara e orquestra ou as salas de percusión e o estudo electro-acústico, destinados a albergar un gran número de estudantes e espectadores.
A zona de acceso destínase a usos públicos como vestíbulo e cafetería, dotada de amplos espazos abertos, e as tres plantas superiores estás reservadas as aulas, despachos, oficinas administrativas e estudos de menor tamaño.