mainimg
Código: LP018
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Arbutus unedo L.

Nome común en galego

Érbedo, albedro, erbedeiro, moroteiro, morodoeiro ou amoroqueiro

Nome común en castelán

Madroño

Información

Características

Un grupo de érbedos medran tras a Capela de Santa Marta, ao carón da rúa Emilia Pardo Bazán.

Orixe e distribución

Orixinaria do sur de Europa, está distribuído sobre todo na rexión Mediterránea. Ocupa zonas de matogueira seca e de maquis, mais non é raro atopar érbedos ao longo da costa atlántica até Irlanda. Adoitan a medrar a carón das sobreiras (Quercus suber).

Descrición

Pequena árbore perennifolia de até 10 metros de altura, mais de crecemento moi lento. Copa apertada de desenrolo redondeado e bastante regular. Pólas retortas e dobradas sobre un tronco que raramente é recto. A cortiza nos exemplares novos é de cor parda escura, mais coa idade torna gris, agretada, áspera e moi escamosa.

Follas simples elípticas, duns 10 centímetros de lonxitude, marxe enteira finamente dentada e un pouco correosas. Flor semellante á do lirio do val (Convallaria majalis), de cor branca coa corola en forma de globo, agrupadas en panículos péndulos que aparecen sobre a árbore no outono ou a comezos do inverno.

Os froitos son vermellos, carnosos coa superficie granulosa e comestibles. Maduran no outono do ano seguinte coincidindo coa nova floración, polo que aparecen simultaneamente no érbedo as flores do ano e os froitos do ano anterior.

Etimoloxía

O nome científico latino arbutus pode proceder dun diminutivo de arbor, por ser esta unha pequena árbore, ou de arboix, áspero, polas rugosidades do seu froito. O nome específico unedo fórmase da unión de unum (un) e edo (comer); é dicir, comer un só, posto que comidos en abundancia poden producir sensación de embriaguez a causa do seu contido en arbutina cando está sobremadurado, o que os fai moi indixestos.

Usos

De interese ornamental polo seu porte piramidal, con rechamantes acios de flores e vistosos froitos, sendo moi popular en parques e xardíns. A súa madeira, branca e suave, úsase normalmente para a construción e a fabricación de papel.

En 1212, na batalla das Navas de Tolosa, o destacamento madrileño levaba un pendón cun oso pasante. En 1222, o municipio de Madrid engadiu ao seu escudo do oso unha árbore dun érbedo como símbolo de que os bosques do municipio pasaban a ser da súa propiedade tras disputarllos ao clero. Non se coñece ningún documento anterior ao século XVI que identifique esa árbore en particular. Na petición do municipio de Madrid ao emperador Carlos I en 1548 para mellorar o escudo, establécese que a árbore é un érbedo e o animal, unha osa. Cabe destacar que en Madrid nunca houbo importantes poboacións desta especie, polo que parece que, nun principio, no escudo quería representarse só unha árbore indeterminada.

O tríptico do Xardín das Delicias do Bosco foi mercado por Filipe II para adornar as súas dependencias no Mosteiro do Escorial. Frei José de Sigüenza titulou a obra "La pintura del Madroño" por aparecer nela os froitos desta árbore como símbolo do carácter efémero do pracer. Sen embargo, os romanos dedicaron o érbedo á ninfa Cardea (símbolo de madureza), amante de Xano Bifronte e protectora das portas das casas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)