
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2015
Autor
Juan Pablo Venditti
Historia
O convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, foi asinado en maio de 2014, o que facilitou a instalación desta e outras esculturas dos alumnos no Parque de Belvís.
Forma parte dunha actividade complementaria dos diferentes módulos do Ciclo Superior de Artes Aplicadas á Escultura, e consisten en pezas escultóricas pensadas para ser expostas en lugares públicos. Neste senso, o Concello de Santiago colabora coa escola ofrecendo un espazo para que as pezas elaboradas polos alumnos, podan ser expostas ao público fóra dos lugares tradicionais de exhibición artística.
Descrición
Esta escultura representa unha man simbólica da que só se observan os cinco dedos que emerxen da herba no Parque de Belvís. A palma desta man escóndese metaforicamente baixo a terra e só son visibles cinco dedos monumentais, monolíticos, que crean un espazo de acollida na súa parte central, na terra que se estende entre os dedos e sobre a palma.
A man que pode ser tocada, usada, subvertida, reinterpretada e sentida na súa textura e a súa composición. Non é unha escultura que se afaste das persoas cun pedestal ou que represente unha figura histórica de poder, senón que emerxe da terra para entrecruzar os seus dedos coa paisaxe e coas persoas que desexen utilizala e gozala.
A escultura de Venditti ocupa un espazo de seis metros de diámetro xunto aos freixos que están entre os labirintos de camelias (Camellia japonica) e o Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns. Foi elaborada en chapa metálica, e conta cunha altura máxima de 3 metros de altura no dedo máis alto, o índice, mentres que o polgar e o maimiño miden 1,5 metros de altura.
Nas que serían as xemas dos dedos conta con focos que permiten que a peza teña unha impresionante iluminación nocturna. O espazo confórmase pola noite como un círculo de luz que remarca o carácter de ágora da peza.
A instalación desta peza, xunto con outras dúas situadas na contorna, realizouse en outubro de 2015. As tres son obra de alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, sendo estas realizadas nas clases e nas prácticas en empresas. O deseño das figuras e a súa instalación foi coordinado polo profesor de Volume e Proxectos, Óscar Aldonza.
As tres esculturas están realizadas en ferro, con diferentes acabados xa que son froito de inquedanzas artísticas particulares de cada alumno, partindo de propostas diferentes en intención e funcionalidade.
Bibliografía
Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019